Julio I. González Montañés

jgmontanes@gmail.com

Corridas, xuízos e testamentos do galo 

 

 

  As corridas do galo tradicionais consistían na decapitación dunha ou máis aves, ás veces enterradas no chan coa cabeza de fóra e golpeadas ás cegas, e outras penduradas dunha corda e decapitadas con espadas, a cabalo ou a pé. Neste último caso, normalmente o matador leva os ollos vendados, ou ben unha persoa sobe e baixa a corda para dificultar o seu labor. As corridas facíanse no Entroido e noutras moitas festas, especialmente nas do inverno (Reis, primeiro de ano...), e nalgúns lugares elixíase un Rei e unha Raíña de galos que presidían a festa, reis que eran paseados en carro ou de a cabalo pola aldea entre coplas burlescas, presidindo despois un banquete comunitario no que se daba boa conta das aves. No norte de Europa hai documentación sobre corridas de galos dende o século XII —ás veces con patos ou gansos—, e en Galicia temos unha primeira referencia en 1478 cando, de crer ao Padre Gándara, Álvaro de Figueroa organizou en Vigo unha festa con gaiteiros e tamborís, luminarias e corrida de gansos, para atraer a terra a tripulación dun barco holandés fondeado na ría e apresala como represalia por terlle proporcionado pólvora e armas de fogo ao nobre rebelde Pedro Madruga de Soutomaior.

Corrida do galo. Xilografía do século XIX

   ​No caso dos galos, en Galicia as noticias máis antigas son de finais do século XVIII: de 1784 e o Testamento do galo de A Esfarrapa, e consta no testamento de Andrés de Losada Sotomayor (1790, AHUS. Protocolos, S-6.102), que D. Andrés fundou unha escola de primaria en San Pedro da Porta (Sobrado dos Monxes) estipulando que o mestre no podería recibir regalos dos alumnos, excepto o bolo do torresmo do xoves de comadres para a corrida do galo. Parece que a noticia se refire a unha variante das corridas realizada por nenos nas escolas: cada neno levaba o seu galo, facíanse pelexas entre eles, e o dono do galo gañador era nomeado R ei de galos presidindo a corrida posterior. Hai noticias destas festas escolares por toda Europa, aínda se fixo en 2011 na escola portuguesa de Francelos (parroquia de Vila de Prado, Vila Verde), e temos algunhas imaxes delas na miniatura baixomedieval  (cf. Libro de Horas Adelaida de Saboia, Duquesa de Borgoña  (1460-1465), Museo Condé de Chantilly).

  Na actualidade, as corridas de galos practicamente desapareceron en Galicia pola presión dos animalistas, e as poucas que quedan transformáronse e agora fanse con galos xa mortos (galo na vara de Cobres), ou son simplemente soltas de polos de granxa para que os rapaces os capturen, como en Toutón (Mondariz). Na única localidade na que se seguen facendo con sangue algúns anos é en San Pedro da Mezquita (A Merca, Ourense), no día de Reis e burlando a vixilancia da Garda Civil. Con todo, temos noticias da súa existencia en máis de corenta localidades galegas, e probablemente existiron en moitas máis, polo menos dende o século XVIII. En Viana do Bolo, en A Esfarrapa (Outes) e en Mondariz había Reis de galos, e en moitos sitios xuízos e testamentos. Algúns dos lugares nos que houbo corridas son os seguintes: 


A Fonsagrada-LU (Louteiro, parroquia de Veiga de Logares).

A Merca-OU (San Pedro da Mezquita).

A Pastoriza-LU.

A Ulla-PO y CO (Ribadulla e outras localidades). Algunhas con Xuízo.

A Veiga-OU (Alberguería, Celavente e Prada).

Allariz-OU.

Baixo Miño-PO (O Rosal (Fornelos) e outras localidades).

Baleira-LU. (O Cádavo y Fonteo ). Corrida e Testamento do galo.

Barbadás-OU (Loiro).

Beariz-OU.

Betanzos-CO (corrida de patos en 1648).

Cangas do Morrazo-PO (Vilanova (Hío) e Aldán).

Chandrexa da Queixa-Ou

Castroverde (Campo do Val, Montecubeiro, A Meda). Con Xuízo e testamento.

Cospeito-LU (Bestar, Sisoi, Xermar, Arcillá...). Corrida do pato.

Cotobade-PO (fragmento dun testamento).

Laracha-CO (Soandres). Competición co galo como premio.

Moaña-PO (Meira / Domaio).

Mondariz-PO. En Toutón, con Xuízo.

Oímbra-OU.

Ordes-CO (Mesía).



Outes-CO (A Esfarrapa).

Pereiro de Aguiar-OU (Santa Marta de Moreiras).

Piñor-OU.

Poio-PO.

Ponte Caldelas-PO (A Ínsua, Taboadelo).

Ponteareas-PO (parroquias de Fozara e Prado). 

Pontevedra (Acevedo, en Ponte San Paio).

Redondela-PO.

Ribeira-CO (Artes).

Ribeira de Piquín-LU.

Sobrado dos Monxes-CO (Porta e Grixalba).

Soutomaior-PO (Romariz).

Toén-OU (Mugares).

Trazo-CO (Xavestre).

Valga-PO (Carballiño).

Viana do Bolo-OU.

Vigo-PO (corrida de gansos en 1478).

Vilaboa-PO (Cobres). Galo en cucaña (na vara).

Vilalba-LU (San Salvador y San Martiño de Lanzós).

Zas-CO (Baio). (....)


Xuízos do galo

  Xa mencionei que nalgúns casos a corrida do galo se convertía nunha verdadeira representación teatral dado que, previamente á morte do galo, símbolo da luxuria e do desenfreo, se escenificaba o xuízo do animal, o que servía de pretexto para facer unha sátira sobre a situación da sociedade campesiña. Nos xuízos era habitual a intervención de varios personaxes (avogados, fiscais, testemuñas...), e adoitaban facerse nun taboado-escenario (denominado torreiro en moitos lugares), cun attrezzo ás veces rudimentario pero que nos anos 90 era, nalgúns casos, plenamente teatral: un palco-escenario cuberto, con escenografía e vestiario adecuados e amplificación de son (Farsa de Ribadulla). 

  Non cabe negar o cualificativo de teatrais a pezas como o Juicio del Gallo ou Farsa de Calavera Don Galloque se representou o martes de Entroido na zona da Ulla na década de 1940. A súa estrutura en sete actos, que teñen como eixe ó testamento do animal, e a articulación en forma dunha disputa, un debate no que o diálogo é o protagonista, confírenlle á peza un carácter plenamente teatral. As cuartetas do Juicio empregan o galego e mais o castelán. O galego, con ton burlesco pero cariñoso, aparece nos parlamentos dos personaxes populares (o propio galo e o celador) mentres que o castelán, solemne, tamén con certo matiz de burla, é reservado para o rei, o avogado defensor, o fiscal e os padriños, dos que o celador se burla por non saber o galego a pesar de ser letrados. Parece que a peza da Ulla só se representou algúns anos na primeira metade do século XX e logo desapareceu, aínda que na década de 1990 se recuperou, sen continuidade, en Ribadulla (Vedra). Nesta segunda etapa un home disfrazado de galo era sometido a xuízo, condenado e finalmente indultado, soltándose uns cantos galos para que os rapaces os capturasen. O texto conservado é da primeira metade do século XX, pero parece evidente que se trata dunha evolución das corridas e testamentos do galo tradicionais, e temos noticias de representacións semellantes noutras localidades. 

No Cádavo, Millares e Fonteo (Baleira), na Meda, en Campo do Val (Montecubeiro, Castroverde), en Mugares (Toén) ou en Ponte da Veiga (A Veiga), celebrábase tamén o proceso do galo con intervención de avogados, fiscais, xuíces e alguacís, e conservamos un texto en castelán da Meda (obra de José Mª Gómez Lombardero,1948) e a Sentenza do galo de Montecubeiro (c. 1930), probablemente tamén de Gómez Lombardero. Xosé Mª Gómez Vilavella, autor do pregón da Meda de 1948 e fillo do autor do texto do xuízo, describe así a representación: 

  "Na Meda: Un escenario insuperable, nun prado amplo e cunha lixeira pendente que facía de anfiteatro con respecto ao Tribunal. Palco de madeira, espazoso e enramallado; grilandas de papel e outras colgaduras. Bos cabalos e boas monturas, case todas de estrea. Espadas auténticas, das do Exército, de Cabalería. Os cabaleiros lucían valiosas galas; díxose que algunha familia levou a Lugo, para depositalas nas xoierías como fianza, as escrituras das súas propiedades para que lles prestasen aneles, pulseiras, cadeas, etcétera, o que nos dá idea do entusiasmo que puxeron, que aportaron, aqueles veciños. Os membros do Tribunal luciron togas con "puñetes" de encaixe, auténticas, verdadeiras. O Atestado presentouno Antonio Boudón, daquela estudante, que lucía unha gorra "de prato" de Sarxento da Policía Armada, na que lle cabía cabeza e media! As testemuñas presentáronse ataviadas con traxes rexionais, de época, de moita valía, que a saber cómo os conseguiron nin a onde foron por eles. O libreto tíñano, sen excepcións, coidadosamente memorizado e ensaiado, ¡iso si, a porta cerrada, coa máis absoluta reserva!". 

  En Baleira (nas aldeas do Cádavo, Milleiros e Fonteo) corríanse dous galos e facíase primeiro unha escenificación en verso do seu xuízo estando presentes os dous galos, chamados Mundo e Bataraz. O primeiro era sempre indultado mentres que o segundo era condenado a morte nun proceso con tribunal (presidente, maxistrado, fiscal e secretario, en cadeiras preferentes e vestidos con blusas negras de gandeiro), avogados, alguacil e testemuñas. Participaba tamén a Garda Civil, que custodiaba o reo e o perseguía e detiña cando tentaba fuxir. Unha vez condenado, Bataraz acudía ao notario, que redactaba o seu testamento, e a continuación era decapitado por un piquete integrado por varios mozos montados en magnificas cabalerías, con vistosos adornos e sabres nas mans. Como en case todas as partes, o xuízo comezaba en Baleira, coa lectura polo alguacil do atestado que relataba todas as falcatruadas do galo, continuaba coas declaracións das testemuñas, a favor e en contra, e concluía coa condena, testamento e execución do animal, e unha disputa final entre o avogado defensor do galo e o mozo que o decapitara. 

Corrida do galo en Ansemar (Castro de Rei). Anos 60. Foto de Bernardino Barreiro
Decapitación de galos na Festa
 de Reis de A Mezquita
Testamento do galo portugués utilizado en Francelos (Vila Verde) ata a actualidade

Testamentos do galo

  En moitas localidades das que non temos noticias da existencia de xuízos, si que conservamos Testamentos do galo, pezas que se insiren dentro da antiguísima tradición dos testamentos poéticos burlescos estendidos por toda Europa e especialmente frecuentes no Entroido. O testamento do galo máis antigo que coñecemos en España é obra do poeta cego cordobés Cristóbal Bravo, que o levou ao prelo cara a 1590 con outras dúas pezas: Aqvi se contienen tres obras muy gracio | sas para passar tiempo. La primera es vn testamento que hizo | vn Gallo, y de las grandes mandas que mando a sus amigos […] | por christoual brauo ciego | de la vista corporal…,[s.l., s.i., s.a]. O testamento de Bravo tivo un éxito enorme, imprimiuse en pregos de cordel polo menos dúas veces no século XVII, e dez máis no XVIII e no XIX, con variantes no texto e no título a gusto dos editores.   

  En Galicia temos un Testamento do galo de 1786 procedente de A Esfarrapa (Santo Ourente de Entíns, Outes) dado a coñecer por Rosario Álvarez e Xosé Xove (texto mixto castelán-galego recolleito nunha carta de Manuel Tuñas e datado en 1786. No texto hai unha referencia ao Rei e á Raíña de galos que confirma a súa existencia en Galicia, documentada tamén en Toutón (Mondariz) e en Viana do Bolo por Nicolás Tenorio), outro de mediados do século XIX do Carballiño (Valga) que publicou Francisco Potel Pardal, e varios do século XX: o de Viana do Bolo que recolleu Nicolás Tenorio a principios da centuria, o de Artes (Ribeira, 1928), rescatado polo colectivo A Murga e publicado por Federico Cocho,o da Ulla (c. 1940) publicado por Rosa A. Ramos Espinal, o de Xavestre (Trazo, 1944), colleito por C. Sixirei Paredes, e o da Meda (Castroverde), de autor descoñecido e incorporado en 1948 á representación do xuízo do galo que fixo J. Mª García Lombardero. 

Temos tamén algúns textos dos que só se conservaron uns poucos versos na tradición oral, como o de Mesía (Ordes), que publicaron Mini e Mero, ou o de Cobres (Vilaboa), recollido por Anxo Rosales, e noticias da existencia de testamentos en sitios onde non se conservaron os versos (Baleira, Poio, Mondariz...). Hainos en galego, en castelán e mixtos, e a maioría dependen dos Testamentos do gallo portugueses de finais do século XVIII, impresos repetidamente no XIX en pregos soltos no Porto (1839, 1846, 1885, 1888...) e en Viana do Castelo (Testamento que fez um Gallo, 1872). Neles, o galo despídese das galiñas e advírteas do perigo no que quedan tras a súa morte, antes de facer o reparto dos seus bens e do seu corpo. A ese modelo portugués responden os textos máis antigos, como os da Esfarrapa, Valga, Ribeira, Trazo e A Meda. O de Viana do Bolo e o de Mesía seguen tradicións diferentes de procedencia castelá, e no caso do Testamento do galo de Cobres (Vilaboa) existe unha evidente influencia do texto primitivo de Cristóbal Bravo (Testamento que hizo vn Gallo, y de las grandes mandas que mando a sus amigos, c. 1590), probablemente a través dalgunha das moitas edicións madrileñas do texto que se fixeron no século XIX. 

  Proba da relación do Testamento de Cobres co texto de Bravo é o feito de que en Cobres o galo deixe as súas tripas “para cordas de liscantes” (=discantes, guitarras pequenas), verso que non aparece en ningún dos outros testamentos galegos, pero si no texto de Bravo: “Mis tripas mando a violeros, para cuerdas de discantes” o que proba que a tradición oral do testamento de Vilaboa ten orixinalmente unha raíz na escrita. No Entroido de Cobres o Testamento do galo líao o padricador do galo, que pronunciaba tamén un Sermón de Entroido, con alusións aos sucesos do ano, dende un púlpito de madeira cuberto cun arco enfeitado con ramas e flores que se non gustaba o sermón acababa polo chan, como se facía tamén en Valga. Outra versión do Testamento de Bravo témola en Mesía (Ordes), probablemente baseada nunha edición madrileña do século XIX impresa co título: Testamento de un Gallo que llevaba muchos años de pollo por los gallineros de Madrid (Imprenta de José M. Marés, 1858), pero nos versos recollidos de boca da veciña Josefa Sánchez Quindimil non está o das “cuerdas de discantes”.

En Xavestre, o Testamento líase antes de colgar o galo dunha roldana facéndoo subir e baixar para dificultar o labor dos que, ás cegas e con paus, intentaban golpealo. Unha vez morto o animal, desplumábase e repartíase o seu corpo de acordo coas mandas testamentarias. Na Ulla, o texto do testamento, atopado nun manuscrito por Rosa Ramos Espinal en 1979, parece dos anos 40 e é obra popular, aínda que inspirada en formas cultas do tipo dos denominados por Pilar García de Diego Testamentos de vítimas.


Testamento del Gallo de Cristóbal Bravo
Corrida do galo en Chandrexa
Pregón do Xuízo do galo de A Meda en 1948