Julio I. González Montañés

jgmontanes@gmail.com


Orixe e cronoloxía das representacións


  En Galicia nada se conservou do teatro carnavalesco medieval que temos documentado noutras zonas de Europa, e é estraño, xa que está intimamente emparentado co xénero satírico medieval, coas cantigas de escarnio ou sirventés, tanto na súa función subversiva, no sentido máis estrito da palabra, como na súa intención lúdica e na súa comicidade que busca a gargallada do oínte-espectador e comprácese na sátira social e no realismo obsceno. É posible que algunhas cantigas galego-portuguesas do século XIII, hoxe desordenadas nos Cancioneiros,  fosen en orixe arremedos de escarnio alternante, e Francisco Nodar Manso propuxo a finais dos anos 80 do século XX a reconstrución hipotética de varias pezas teatrais xuntando diferentes cantigas. Entre elas hai duas,  que Nodar titula Joán Fernández e Abadesa!, ambas sátiras obscenas e a segunda tamén anticlerical, moi próximas a algunhas representacións de entroido posteriores. O compoñente obsceno é tamén moi evidente nas cantigas de maldizer, nas que probablemente conflúen o sirventés provenzal e unha tradición satírica autóctona de transmisión oral relacionada co Entroido, que naquela época, como agora, ridiculizaba costumes e persoas por medio do verso satírico, do disfrace e da pantomima.

  A festividade do entroido está documentada en Galicia dende o século X (Tombo de Celanova, 993 “feria secunda post introitum”), pero non a existencia nela de representacións nin de máscaras. Na forma latina introytum atopámola mencionada como data de pago no século XII (Tombo de Toxos Outos, 1185 “ad Introytum”), e en galego (entroydo) aparece en documentos dende o século XIII. Porén só temos indicios da existencia de representacións no entroido galego dende o século XVI. Sabemos que nese século xa saían os cigarróns en Verín e Monterrei (ca. 1570), e máscaras de salvaxes, demos, fenos, felos, céntulos… témolas documentadas tamén nesa centuria, áinda que no Corpus. En 1550 hai noticias da representación dunha Farsa do Emperador en Baiona, posiblemente no entroido, e sabemos que o irmán xesuíta Antonio Rodríguez (1564-1614), natural de Vilaza (Monterrei), foi autor de obras teatrais que non se conservan representadas no colexio de Monterrei, entre elas entremeses para o Entroido

   “Tenía gracia particular en hacer coloquios y representaciones santas y andanzas muy graciosas en nuestras fiestas; y componía unos           entemeses muy graciosos y honestos con que alegraba a las innumerables gentes que acudían a nuestras fiestas en Carnestolendas”. 

   Xa no século XVII, o bispo de Ourense Diego Vela Becerril respondeu en 1630 cunha negativa á petición de facer unha comedia na catedral auriense polo Entroido, o que parece indicar que ata esa data non eran estrañas as representacións teatrais nese contexto. Consta, tamén, que o domingo de entroido de 1718 se representou no mosteiro de Oseira unha obra con monicreques e música a cargo do frade carmelita italiano Giacomo Antonio Naia, representación que repetiu o mércores de cinza no convento dos franciscanos de Ourense. Porén, os textos máis antigos que conservamos son da segunda metade do século XVIII: o Entremés de Bora (posterior a 1752) e o Testamento do Galo da Esfarrapa (1786). 

  Por outra bada, na supervivencia actual de representacións carnavalescas de carácter popular, e nas noticias dos séculos XVII-XIX, podemos atopar algún indicio da posible existencia dun teatro de entroido galego na Idade Media. Aínda que nin os Entremeses da Ulla, nin as farsas carnavalescas de Casa de Naia (Antas de Ulla), Cotobade e Xestoso (Monfero), nin as corridas e testamentos do galo (Baleira, Castroverde, A Ulla...) poden remontarse documentalmente máis atrás de finais do século XVIII, para Vicente Risco: “Trátase dun verdadeiro teatro popular de orixe medieval, que se asemella moito ás pezas primitivas de teatro literario que se conservan”. A afirmación paréceme excesiva, pero a existencia desas representacións proba un aprecio tradicional polas actividades dramáticas asociadas co entroido entre as clases populares galegas, tanto na sociedade campesiña (testamentos do galo e do burro, xogo das vacas, farsas do parto…) como na urbana (apropósitos dende 1863 na Coruña, Betanzos, Ferrol, Lugo, Santiago, Pontevedra e outras vilas).