Julio I. González Montañés
jgmontanes@gmail.com
Apropósitos nas cidades e vilas galegas
Na segunda metade do século XIX foron habituais nos teatros e nos salóns das sociedades culturais e recreativas das cidades e vilas galegas representacións de Entroido tituladas Apropósitos, ás veces en prosa e outras en verso ou mixtas, case sempre con partes cantadas e música de pezas coñecidas, maioritariamente Zarzuelas e Revistas, ou con partituras compostas para a ocasión. Sempre de carácter cómico e burlesco, moitas veces en forma de testamento, e con frecuentes alusións aos sucesos políticos e veciñais do ano, representacións de carnaval nos teatros galegos documentadas con ese título hainas dende 1863 na Coruña, Betanzos, Ferrol, Lugo, Santiago, Vigo, Pontevedra e outras vilas menores como Ribadeo, Tui, Viveiro, Vilagarcía, Vilanova ou Ponteareas.
La muerte de Urco (Pontevedra 1876)
Pontevedra en 1900
Dende 1851, polo menos, recitábase no entroido
da Coruña un testamento ou sermón burlesco a cargo dun membro do Circo de Artesáns, e en 1859 conservamos
impreso o primeiro texto, co título:
Discurso burlesco / compuesto por Cuatro Amigos del dios Momo; y recitado en el Teatro Principal ... por el socio del Circo de Artesanos Antonio Díaz Marey, Imprenta de El Diario, a cargo de C. Míguez, A Coruña, 1859; obra en prosa e en
verso, combinando castelán e galego, que ten como tema a burla das mulleres
pola súa suposta veleidade no amor e pola súa tendencia ao malgasto, rematando
cuns versos galegos de despedida ao Entroido:
“Vaite con Dios antroidiño
non cho pensaba de ti
que nos tratases asi
téndoche tanto cariño.
Vaite c’un demo ou cun ceo,
que pardiola non hay queixa,
para enredar á madeixa
fuches ti como ninguen.
Deixas á os polos é galos
as galiñas á as polas,
á elas feitas unas tolas
eles uns escomulgados”.
Estes testamentos
son os antecedentes dos apropósitos caranavalescos, documentados con ese nome
dende 1863, cando se fixo na Coruña “Apropósito dramático, testamento y
discurso”. O Apropósito representado foi
o titulado:
Final del carnaval: apropósito sin pretensiones para representarse en la noche del Miércoles de Ceniza de 1863,
Est. Tip. de Puga, A Coruña, 1863. Antonio de la Iglesia
describe así os festexos teatrais do entroido coruñés de 1863:
“El
espectáculo empezó por la representación del Apropósito, en verso y en un acto,
cuyo argumento tenía por objeto, que el Carnaval que se hallaba postrado en
cama, efecto de sus excesos, se preparase para dar su disposición testamentaria.
El gran secretario lamenta la desgracia y en un bien escrito diálogo con los
médicos, acuerda, que el paciente haga su testamento (...) Luego el hermanuco
mayor pronunció un discurso salpicado do oportunos chistes, y los aplausos se
sucedieron sin interrupción. Recitado fue con sin igual gracia, lo que revela
las felices dotes que el aficionado autor reúne para el difícil arte de la
declamación”
Teño catalogadas case 250 referencias de Apropósitos de entroido ata 1936. 117 desas representacións tiveron lugar na Coruña,
44 en Ferrol, 19 en Betanzos, 17 en Pontevedra, 11 en Santiago, 10 en
Vilagarcía, 7 en Vigo, 8 en Lugo, 3 en Tui, e 1 en Bueu, Fene, O Seixo
(Mugardos), Cangas, Ponteareas, Ribadavia, Sada, Vilanova e Viveiro (cf. a miña Base de datos). É interesante anotar a
práctica ausencia de referencias procedentes da provincia de Ourense na que, pola
contra, se concentran a maioría das noticias sobre representacións teatrais de
entroido de carácter popular. Se cadra é precisamente por iso, e os únicos datos que teño de representacións de entroido nos teatros de Ourense, Verín e Monforte son tardíos (1927-29), e non son apropósitos senon diálogos cómicos de Xavier Prado Lameiro e dos ferroláns Eugenio Charlón e Manuel Sánchez Hermida, representados por comparsas carnavalescas pero non compostos intencionadamente para o entroido (cf. FICHAS).
Foi na Coruña onde naceron os apropósitos galegos e gozaron de maior
popularidade, e tamén onde se conservaron máis textos, xa que anualmente o Circo de Artesáns convocaba un concurso
e patrocinaba a representación e a impresión da peza gañadora. Ademais, outras
sociedades e empresarios teatrais facían tamén os seus apropósitos, chegando a
representarse cinco ou seis distintos nun só Entroido. En Galicia teño noticias de 248 representacións entre 1863 e 1936, data en que desapareceron pola guerra e
polas prohibicións franquistas.
Así e todo, en 1949 o alcalde coruñés Alfonso Molina encargoulle a Antonio Nito,
que xa fixera moitos apropósitos dende 1928, renovar o costume, aínda que con
textos censurados, e os apropósitos resucitaron na Coruña. Sálvese quien
pueda foi o primeiro desta segunda
etapa, e Nito seguiunos facendo ata 1966 (Mantenga limpios los
ferretes foi o derradeiro da súa autoría). En 1984 recuperou a tradición o
seu neto Antón de Santiago Montero cunha peza sobre a controversia da
capitalidade de Galicia (Foi medida desmedida, decisión descomunal, xa o
comentan os ingleses, traslada-la capital), e as representacións
continuaron, con algunhas parénteses, ata o século XXI (2011, parodia sobre a
fusión das Caixas de Aforros galegas: En-Caixa ou non encaixa?).
A Coruña 1897
Vilagarcía 1916
A Coruña 1863
Houbo nas vilas e cidades galegas auténticos
especialistas neste tipo de pezas, como Daniel
Álvarez Romero, Antonio Santiago Álvarez Nito, Julio Rodríguez Yordi,
Adolfo Torrado Estrada, Antonio Carricarte, Tomás Ares Pena (Xan das Bolas) e o xornalista Eduardo Serrano
na Coruña; Wenceslao Veiga Gadea, Joaquín Arévalo Rodríguez, Ramón Deltell, Federico
Dopico e Manuel Masdías Sánchez en Ferrol; Antonio
Fernández Arreo en Vigo; Fernando Fiaño Miravelles, Francisco Otero Beade, Claudino Pita Pandelo,
José Alguero Penedo e Julio Sóñora en Betanzos; Hipólito León Martínez
en Tui; Joaquín Gauche Hermoso e Manuel Rey Pose en Vilagarcía; Andrés Muruais, Enrique Labarta,
Aureliano José Pereira e Javier Valcarce Ocampo en Pontevedra…etcétera. Ademais, os libretos de non poucos dos
apropósitos que coñecemos foron obra de autores de certo prestixio na cultura
galega de finais do século XIX e principios do XX como Manuel Amor Meilán, un dos fundadores da Real Academia
Gallega en 1906, o lingüista e literato Eladio
Rodríguez González, Alfredo de Lafuente, Eduardo Brañas, Amador Fernández
Diéguez, Pablo Pérez Costanti, Adolfo Torrado Estrada, etcétera.
Xa mencionei que a música destas pezas de teatro de entroido
estaba en moitos casos composta de melodías coñecidas de zarzuelas, tangos e
revistas madrileñas, pero hai tamén partituras compostas expresamente para os
apropósitos por músicos profesionais, e casos de especialistas neste tipo de pezas como Benito
Vilumbrales, director da Banda de Música do Hospicio de Ferrol e autor de dez
partituras para os apropósitos da cidade entre 1883 e 1911. Algunhas das partituras conservadas son de notable calidade e obra de
músicos de prestixio en Galicia como Constante Suárez Chané, Prudencio Piñeiro, Julio Cristóbal Rodríguez, Juan Serrano Marqués ou Isidro Puga Otero. Chané fixo na mocedade partituras para os apropósitos coruñeses e chegaría a ser un reputado autor en Galicia (son
súas pezas tan famosas como Unha noite na eira do trigo, Un adios a
Mariquiña,e Os teus
ollos). Prudencio Piñeiro foi un recoñecido músico, compositor e
profesor de música que viviu en Vigo ata 1910 e logo en outras localidades
galegas e portuguesas e fixo partituras para os apropositos de Pontevedra e de Vigo (entre as súas obras destacan Que ten o mozo?, e Como
chove miudiño, con letra de
Rosalía de Castro). Julio Cristóbal Rodríguez puxo música en A Coruña a varios
apropósitos e foi autor tamén da partitura da zarzuela galega Carmeliña (1906), con libreto de Lorenzo García Huerta e Tomás Longueira Díaz. Juan
Serrano Marqués dirixiu boa parte dos orfeóns e bandas de música de Galicia,
púxolle música a tres apropósitos pontevedreses entre 1906 e 1912 e tamén a
varias zarzuelas, entre elas a titulada Una
fiesta en Galicia que foi estreada en 1905 en Madrid no Teatro de la
Zarzuela.
Apropósitos en galego
Os textos dos apropósitos son en castelán na
maioría das pezas conservadas, pero xa nos testamentos do entroido coruñés da
década de 1850 aparecía o galego, e posteriormente fixéronse moitas pezas
bilingües, a maioría cun uso diglósico do galego, que só o falan os personaxes
populares como labregos, peixeiras,
etcétera. A lingua empregada está, ademais, frecuentemente acastrapada,
e esaxera ata o esperpento algúns trazos fonéticos (como a gheada),
supostamente con intención cómica e para provocar a risa nun público urbano
castelanfalante. Este é o caso, por exemplo, dos apropósitos de Wenceslao Veiga
Gadea en Ferrol (
Tío Xan dos Bardales, de 1884, e
El Ministro en Ferrol de 1904).
Non
obstante, hai pezas en que o galego utilizado non é un patois ridiculizador, como a coruñesa titulada
La última voluntad del Carnaval (1876), na que un personaxe popular, Roque Badua, solicita a herdanza do Entroido para o pobo coruñés fronte aos señoritos:
¡Soséguense suas
mercedes
Q’ a herencia pra
todos dá,
E xa q’ hay tanto
molete
N’ hay que facer
como os cas!
Sé asi berran os
siñores,
¿Para nós que queda
xá? […]
Acougen, ou xuro a
moca
Q’ hay xuicio catalan,
Non remexei o
catarro,
Q’ o Albacea,
cumprirá
A veluntá do
defunto.
Tempo, ó tempo ¡e
nada mais! […]
¡A modo oh!... n’
hay que ladrar!
Ou malos demos me
léven
Se non fuxis hastra
Cais!
Eu son do Siñor
Antroido
Un hardeiro! Lacazás!
Quen vos dixo ós siñoritos
Q’ eu non son fillo
d’ Adan,
E que non teño
servicios
Como o millor q’
alegar?
Outros casos son os dos Apropósitos del Carnaval de 1882 y 1885 representados na Coruña, obra de Daniel Álvarez
Romero. No de 1882 é o labrego Roque da Grela o que, en nome do pobo, lle pide en galego xustiza ao Carnaval, e no de 1885 o personaxe Petoscheos fala un galego correcto e fai unha
acendida denuncia da situación económica e política de Galicia:
Pra terra de escravos, parez que Galicia
no mundo tan soilo por sorte naceu;
que n’ hay outro eido mais engoumeado
qu’ó chan dond’o verce de nos se meceu.
Eiqui, meus siñores, non vimos ainda
de qu’os gobernantes nos dén proteucion
prométennos moito, pro nada nos cumpren
en pago da nosa leyal sumision.
De cote as gabelas aumentan, deixando
sobrados é hórreos limpiños de gran,
y- os probes gallegos en van agarimos
agardan d’aqueles que probes os fan.
Probablemente sexan Eladio Rodríguez e
Alfredo de la Fuente os autores que utilizaron o galego nos seus apropósitos
con máis naturalidade, e tamén con intención reivindicativa da lingua. É certo
que o galego dos seus personaxes non está exento de castelanismos, e en
ocasións achégase ao castrapo, pero en conxunto a lingua é correcta, aínda que
popular ou enxebre. Destaca nas súas
obras o personaxe de
El gachó del cisne Xan Peisano,
labrego retranqueiro que,
farto de cregos e de impostos, ameaza con esquecer a tópica mansedume galega e
reivindica, con atrevemento e esaxeración carnavalescos, o uso da lingua galega
na igrexa e na escola, a música e os costumes do país, e incluso a autonomía
para Galicia:
Eu chámome Xan Peisano;
nacin aquí n’esta térra;
crieime mal como puden
n’o curruncho d’unha aldea;
vivin sempre entre rebaños
de bois é vacas marelas,
é non conseguin ser mais
d’o que son. Na nosa terra
todos van sempre pr’arriba:
Xan Peisano nunca medra,
pois anque pide xusticia
nunca lla dan nin lla prestan [...].
E
miren vostés, o dia
qu’este Xan Peisano queira,
arma unha de Dios es Cristo
é haill’aquí á mar é morena [...].
Mais por eso Xan Peisano
vai sempr’ adonde lle peta.
Vestido xa por costume
con cirolas é monteira,
solo ven á pedir hoxe
a autonomía gallega [...].
Eu en
nome d’os gallegos
que naceron n’esta térra
pido qu’en toda Galicia
non haxa mais que monteiras,
é cirolas é polainas;
pido qu’aqui solo sean
gallegos, os empleados;
pido que na nosa térra
non manden mine’os de fora;
pido que desaparezan
as novedades que veñen
de Madrí: son extranxeiras;
pido que se sustituyan
as levitas por chaquetas,
porq’os que gastan levita
traíannos sempr’á baqueta;
pido qu’ a misa dos cregos
sea unha misa gallega;
pido que canto pagamos
por consumos é gabelas,
se reparta aquí en Galicia
pois hoxe todo nos levan;
pido que os nenos d’a escola
ll’ enseñen a nosa lengoa;
pido que seipan os maestros
falar a fala gallega;
pido que non haxa bandas
de múseca nin orquestas,
é que tan solo haxa gaitas
pra bailes, ruadas é festas;
pido qu’os nomes d’os pobos,
d’as calles e d’as aldeas
non estén en castellano.
¿Por qué ha de ser «Rúa nueva,»
poño por caso, á Rúa nova?
¿Por qué decir «Alameda»
cando e moito mais bonito
chamarlle
calle d’as Bestas?
Tamén Antonio Santiago Álvarez Nito utilizou nos anos 30
o galego nos ferretes dos seus
apropósitos coruñeses, e o seu neto Antón Santiago Montero recuperouno nas representacións dos anos
80. O seguinte ferrete é de Nito en ¡Anda
la Orga! de 1932:
A Fandiño, o noso alcalde,
pásalle unha cousa cuca:
falando tartamudea,
e lendo se trabuca.