Julio I. González Montañés

jgmontanes@gmail.com

Xuízos, testamentos, sermóns e queimas ou enterros de Mecos, Entroidos, Lardeiros, Momos...

  Na categoría dos espectáculos parateatrais carnavalescos hai que incluír tamén ós xuízos, queimas, funerais e enterros, enormemente estendidos por terras galegas, de Mecos, Antroidos, Momos, Felos, Lardeiros e outros personaxes que simbolizan o Entroido, como a Micaela de Buño, o Ravachol de Pontevedra, o Felipiño de Boiro, Ribeira e Pobra, etcétera. As noticias que temos destes espectáculos, o mesmo que as referidas aos recentes, e hoxe máis populares, Enterros da sardiña, non se remontan máis aló do século XIX, pero é probable que sexan supervivencias, ou rebrotes, de prácticas anteriores e, en calquera caso, proban que o instinto de dramatización popular e a capacidade de imaxinación anteriores á era da televisión foron iguais en Galicia do que no resto de Europa. 




  O espectáculo-tipo consiste na confección dun boneco que preside o Entroido dende un lugar privilexiado da vila, ou dende un carro ou montura que o pasea polas rúas. Este monicaco, que pode adoptar variadas formas, ten unha personalidade dual, xa que é a un tempo acusado de todos os males da comunidade pero tamén chorado tras a súa morte como encarnación dos valores da inversión, da risa e da tolemia que desaparecen co seu enterro. Cando remata o Entroido, na noite do martes ou no mércores de cinza, o Meco é queimado e/ou enterrado nunha parodia de liturxia fúnebre na que non faltan ostensibles xestos de dor, panexíricos do defunto, burlescos testamentos e pregarias nas que se aluden aos problemas políticos e veciñais do ano. Todo moi similar ao que sucede noutras partes da Península e do resto de Europa, onde existe documentación dende o século XIV, aínda que algúns investigadores remontan ata Grecia e Roma a orixe destes espectáculos. En xeral, os antropólogos considéranos, seguindo a J. G. Frazer, unha supervivencia de antigos rituais agrarios de morte e resurrección.

  Hai noticias de paseos, testamentos e queimas de Mecos en moitísimas localidades galegas. O máis famoso é probablemente o Meco do Grove (Pontevedra), pola lenda popular transmitida polo Padre Sarmiento, pero hai, ou houbo, outros moitos que podemos considerar tradicionais como os de Allariz, Orga (Celanova), Nogueira de Ramuín (o Meco Chincheiro), Bentraces, Sobrado, Untes, Val de Francos (Castro de Rei), A Xironda (Cualedro), As Teixugueiras (Cartelle), etcétera. Os dous últimos citados son itifálicos: o das Teixugueiras faise de madeira e desprázase nun carro, e o da Xironda é de palla, de máis de 5 metros de altura, e permanece durante o Entroido na Praza da Picota custodiado polas Mázcaras (tipo peliqueiros) ata a noite do martes, cando o deitan no chan e fan a queima, comezando o lume polo seu prominente pene. 

  Nalgunhas localidades, antes da queima faise un xuízo do Entroido-Meco e lese o seu testamento, ás veces de maneira teatralizada como en Val de Francos (Castro de Rei) ou no desaparecido Entroido de Casa de Naia (Antas de Ulla), no que se facía, cada dous ou catro anos, no domingo de entroido a denominada por A. Fraguas Farsa de Casa de Naia, con representacións de oficios, madamitas e cabezudos nun ambiente de feira. Vicente Risco foi da opinión de que orixinalmente quizais todos os testamentos de entroido foran de Mecos, e que logo se substituíron polos de diferentes animais. Conservamos textos de xuízos e testamentos dende mediados do século XIX, algúns deles plenamente teatrais como a Acusación al Antroido de Mondoñedo (1857-58), conservada nun manuscrito do Arquivo Histórico Nacional e dada a coñecer por Clodio González Pérez.

 Interviñan na obra dez personaxes (fiscal, xuíz, avogado, testemuñas, alguacís..., algúns deles sen falar), e nela ao Antroido chamáselle estafermo e gigante, de maneira que quizais fose un xigantón procesional ou un boneco de palla de gran tamaño como o do Entroido da Xironda. En Mondoñedo o Antroido resultaba condenado e morría afusilado, non sen facer testamento e clamar, como o seu avogado, pola inxustiza da sentenza, pois: 
                                                      Sólo su afán es la risa,
                                                      a todos da diversión 
                                                      y el no se mete con nadie,
                                                      sino le dan ocasión. 
                                                      Una vez que solo al año
                                                      su nombre se le festeja, 
                                                      porque es el que hoy se celebra
                                                      ¿no se ha de usar de indulgencia?
                                                      Merecida pues la tiene
                                                      por la diversión que causa,
                                                      y en prueba de que la aguarda,
                                                      aquí a todos les abraza. 

  O texto descríbeo “en este trage tan feo / con esa cara sebera / con esos brazos sin hueso / con esos sucios adornos…”, e di que movía a cabeza para asentir cando o fiscal o interrogaba. Temos en Galicia outros casos de Mecos que facían movementos: o de Oza-Cesuras, que erguía o brazo para saudar cando os zarralleiros turraban da corda que o movía; o Mazaruco e a Mazaruca de Mugares, antigamente movidos dende dentro por homes, e o Entruido de Mazaricos que movía a cabeza e tiña unha persoa dentro que contestaba ás preguntas dos paisanos. 

  En relación con estas execucións carnavalescas de Mecos hai que poñer outros festexos similares como as Queimas da Pascua da Meda e doutras parroquias das comarcas lucenses de Castroverde, Pol e Baleira. Na Meda (Castroverde) facíase a Farsa Dulcinea, representación popular en castelán, viva ata a década de 1960, que escenificaba o xuízo, testamento e execución na fogueira dun personaxe feminino, Dulcinea, criada de vida disipada que era condenada a morte e queimada tras un proceso no que interviñan avogados, fiscais e testemuñas a favor e en contra da acusada, á cal se lle permitía facer testamento. Semellante era a Farsa de Blanca Flor de Silva (Pol, c. 1945), na que a Pascua estaba representada por unha boneca de palla, Blanca Flor, acusada de adulterio e defendida, cousa insólita, por unha avogada chamada Rosa Campoamor, arremedo, sen dúbida, da deputada santanderina Clara Campoamor, defensora en 1931 do proxecto de lei do voto feminino en España. A boneca Blanca Flor chegaba ao xuízo nun carriño tirado por dúas cabras e tiña no corpo un artefacto pirotécnico que estoupaba cando a queimaban.

  Temos tamén textos e noticias de xuízos, testamentos e sermóns burlescos do Entroido nas cidades galegas desde finais do século XIX. Como nas zonas rurais a maioría son monólogos recitados por un veciño que fai o papel de frade ou pradicador, pero nalgúns casos dialogados como o de Castroverde, documentado dende 1928. Xa mencionei algún outro, como o de Cobres, e cómpre recordar tamén o Sermón do Santo Entroido de Cotobade.


Queima do Entroido en Val de Francos
Manuscrito da Acusación al Antroido de Mondoñedo, 1857-58.
Xuízo e sentencia do entroido.
Apropósito, A Coruña 1875.