Julio I. González Montañés

jgmontanes@gmail.com


Outros testamentos de animais 

  Derivacións dos testamentos do porco e do burro son, probablemente, os testamentos do galo e os doutros animais como a raposa, o gato, a pulga, etc. Dalgúns deles temos exemplos en Galicia pero, agás os testamentos do galo e o testamento do gato de Alongos, non temos probas de que se lesen no Entroido. 

  Os Testamentos de la zorra foron moi populares en España e en Europa, pero non teño noticias da súa existencia en Galicia. No caso dos Testamentos do gato, non se len actualmente nos entroidos galegos, pero conservamos algúns textos do século XIX, e noutros tempos formaron parte das representacións nas que tamén se fixeron corridas de gatos. O texto de Vilancosta (Berres, A Estrada), publicado por Marcial Valladares en 1884, é unha versión en galego duns versos moi populares na Península, convertidos en canción infantil. Porén, aínda que Valladares o titulou Testamento d'o gato, en realidade non o é e, como xa sinalou Taboada Chivite, pouco ou nada ten que ver cos testamentos de animais típicos do Entroido. Distinto é o caso do texto de Alongos (Toén), publicado en 1886 por Valentín Lamas Carvajal. Neste caso trátase dun verdadeiro testamento burlesco que formaba parte dun Entremés do gato máis extenso que os mozos tiñan preparado para o Entroido de 1886. No testamento, o gato Pantarrufas Elecis, raza d’Angola, testa “a nome d'unha centella que os parta á favor d’os cinco xudios d’a Petada e mais d’outros compañeiros que son tan bós com’eles, que lembrarei cando me cadre”. 

  Relacionado cos testamentos de animais, aínda que non se presente como tal, está o Reparto do Boi ou Reparto do Touro do Entroido de Manzaneda, no que as diferentes partes do animal son adxudicadas a veciños concretos con intención burlesca e satírica, e xa mencionei que os cornos ninguén os quere. Outro testamento burlesco de animal do cal conservamos o texto en Galicia é o Testamento da pulga, documentado en Beade (Ourense) nun manuscrito de 1879 conservado na biblioteca da Real Academia Galega e citado por Xesús Taboada Chivite. Non hai probas da súa asociación co Entroido, pero é evidente o seu parentesco cos testamentos de animais carnavalescos:

                                                                     “Mirai, meus fillos, a carne de peito é saborosa, pero perigrosa,
                                                                     a do cú é algo dura, pero máis segura; 
                                                                     a da espalda é algo máis esposta que a da falda,
                                                                     e a de entrepernas polo día é segura e ten partes tiernas...”.

  No mesmo manuscrito de Beade, que Juan Naya Pérez sinaloulle a Taboada Chivite, hai un Testamento do carpinteiro, tamén burlesco e pode que relacionado co Entroido. Pilar García de Diego, que coñeceu estes Testamentos grazas a Bouza-Brey, relaciona o do carpinteiro co Auto del Repelón castelán de Juan del Encina (finais do século XV), xa que o carpinteiro repite varias veces a palabra repelo, e a alusión as ferramentas desparramadas coincide co Auto de Encina:

Deixo heredado
ao meu fillo Xan,
donde huber repelo
que volva a man.

Deixo heredado
ao meu fillo Pedro,
que volva a man
donde huber repelo.

Concedo, como bo e fiel cristiano,
a todos o meu perdón;
mais, por derramarme as ferramentas,
non llo concedo aos nós, non.