Julio I. González Montañés

jgmontanes@gmail.com

Disputas ou fuliadas 


   Na zona de Viana do Bolo formábanse durante o entrudio comparsas de farsantes, cun director e que saían de xira polas aldeas facendo representacións, que duraban unhas dúas horas, chamadas disputas (ou fuliadas na zona oeste do concello). Tiñan un guión previo con diferentes papeis en verso (cobres), e versos cómicos improvisados (brindes) que se recitaban antes e despois da disputa; os primeiros con piropos ás mozas e pullas aos homes, e os segundos orientados a pedir unha propina e dirixidos a curas e veciños notables. Consérvanse algúns cobres en cuartetos octosilábicos con rima nos versos pares, e tamén algúns en versos de arte maior dodecasílabos. Na actualidade recuperáronse nalgunhas parroquias (Caldesiños, Quintela de Pando, etc.) e prepara a edición dos textos o Grupo de Traballo do Entrudio de Viana. Os temas tratados nelas eran de guerras e contrabandistas, así como parodias de oficios (mestres, xastres, costureiras, curas...), con alusións non poucas veces aos sucesos do ano e referencias satíricas aos ricos da zona e ás autoridades, ademais de diálogos picarescos entre os boteiros e as señoritas.

Farsante nunha parroquia
 de Viana
Farsantes de San Cibrao

Vexamos, como exemplo, a introdución do boteiro nunha das representacións, recollida polo etnógrafo e historiador Juan Antonio Pinza García:


Veño das altas montañas

lixeiriño sen parar

para que un ano mais disfrutemos

diste novo carnaval.

 

Traigo moitos amigos

de todas as profesións son sabios,

se alguén ten desarreglos

que non deixe de chamalos.

 

Tamén traio señoriña

que é unha boa compaña

sempre me bota unha manta

se teño frío na cama.

 

Ven connosco tamén

un que é xastre e menciñeiro

deixarate espelandrado

e o bolsillo sen diñeiro.

 

Vestinme de paiaso

cheo de remendos e fíos

merquei as galochas grandes

para que me quiten o frío.

 

Fun a feira a mercalas,

a feira do trinta e tres,

en vez de saírme ó direito

saíronme do revés.

 

Xa o lardeiro está ardendo

i a lardeira para ala vai

queira deus que noutro ano

volvamos todos ó carnaval.

  ​Similares disputas existiron noutras localidades ourensás como Manzaneda, Boado e Pidre (Xinzo), Albergaría (A Veiga), Carracedo da Serra e O Tameirón (A Gudiña), Cualedro, San Xoán de Salcedo (Pobra do Brollón) ou Vilariño de Conso, onde moitas parroquias tiñan o seu Folión de Entroido que actuaba durante os días do ciclo do carnaval con personaxes tipo (boteiros, vellos, paisanos, señoritas...), música e representacións de oficios con textos previamente ensaiados nos fiadeiros. Como no caso de Viana, o núcleo das disputas era o diálogo entre as señoritas e os boteiros, que tiñan que conquistalas cos seus piropos no medio das pullas de vellos e paisanos nas que se introducían referencias a sucesos de actualidade. Estas representacións de Vilariño sobreviviron tamén ata os anos 60, cando a emigración e a televisión acabaron con elas. Os farsantes percorrían as aldeas, pedindo permiso para entrar nelas, onde ás veces se lles agardaba cun escenario improvisado para as súas actuacións ou, pola contra, poñíase unha corda no camiño para impedirlles o paso e disputábase en ton cómico antes de concedérllelo, xa que os folións son en realidade embaixadas músico-carnavalescas que se envían unhas parroquias a outras como afirmación da identidade colectiva de cada unha delas e das boas relacións entre veciños. No caso de Vilariño non se conservan libretos cos textos, pero a memoria popular preservou algúns diálogos en castelán, colleitos por Emilio Armada Rodríguez na parroquia de Entrecinsa e publicados por Xosé A. Fidalgo Santamariña:            

                              Boteiro: 
                                       Buenos días señorita bordadora.
                                       Relumbra usted más que el solal amanecer la aurora.        
                              Señorita: 
                                      Muy buenos días tenga usted, muy guasón.
                                      Es usted muy guasón y atrevido
                                      al llamarme la atención.         
                              Boteiro: 
                                      Perdóneme usted señorita.
                                      Si es que la he ofendido...

  En todos estes casos as representacións só están documentadas dende o século XIX e os textos conservados son do XX. A cuestión é se se trata de supervivencias dun teatro popular antigo, como sostiveron Vicente Risco e outros, ou do reflexo irónico do teatro carnavalesco urbano dos apropósitos, o cal parece evidente, cando menos nalgúns trazos dos textos conservados, por exemplo no ton picaresco de Zarzuela dos diálogos entre boteiros e señoritas

Comparsas de farsantes no concello de Viana. Fotos recollidas por Pedro Basalo Bembibre

Xenerais da Ulla 

  Á mesma categoría de disputas pertencen as Mascaradas de Xenerais da zona da Ulla (Vila de Cruces, Silleda, A Estrada, Vedra, Padrón...) que algúns cualificaron, creo que excesivamente, como Autos teatrais ou como Entremeses. Consisten en diálogos en verso, xeralmente en castrapo, aínda que hai textos en castelán e en galego máis ou menos correctos, entre dous grupos de Xenerais representantes de diferentes parroquias que, montando cabalos ricamente engaldrapados, se atopan nunha encrucillada de camiños (atranco ou alto)  despois de enviarse embaixadas (correos ou lanceiros). O vestiario que empregan é variado e con reminiscencias napoleónicas (bicornes con plumas, casacas con pecheira, xarreteiras, faixas, etc.), aínda que hai testemuños gráficos do uso de uniformes militares de diversas épocas e mesmo de tricornes da Garda Civil. Documentadas historicamente en máis de trinta parroquias, persisten en algo máis dunha ducia na actualidade, aínda que os atrancos teñen lugar agora entre os xenerais e os correos da mesma parroquia, quizais para evitar que a disputa pasase do plano verbal ao físico, como sabemos que sucedía frecuentemente a finais do século XIX. Aínda que estas mascaradas son recentes —da primeira metade do século XIX, como moito— e se representan no contexto do Entroido, é posible, segundo algúns autores como Xosé M. González Reboredo, que sexan actualizacións de antigas festas de Mouros e  Cristiáns , aínda que outros falan dunha orixe nos correos da guerrilla da Guerra da Independencia contra os franceses a principios do século XIX, o mesmo que no caso dos Felos do Entroido de Maside. Dende un punto de vista antropolóxico, foron interpretadas dende Bouza Brey como reflexo da peculiar estrutura social e de poboamento galega, tratándose dunha defensa simbólica dos límites da casa, da aldea e da parroquia, que se resolve coa disputa verbal e a paz final. Xenerais e correos van acompañados dunha parranda integrada por vellos e outras máscaras, formando unha vistosa comitiva que percorre a parroquia facendo altos diante das casas para cantar encomios dos seus habitantes e recibir o óbolo correspondente. Nos altos represéntanse parodias dos oficios —frecuentes, como veremos, nos entroidos galegos—, terminando todo cunha disputa recitada (regueifa) na que se mesturan as alusións aos sucesos do ano e á actualidade política con querelas veciñais e referencias ás guerras carlistas e aos mouros (por exemplo en Touro), e os propios mouros interveñen nos desfiles de Ponte Ledesma e de Merza (Vila de Cruces), cabalgando a lombos de burros e encargándose de facer un discurso satírico sobre os acontecementos do ano nas súas parroquias.

Xenerais da Ulla
Disputa entre Xenerais