Julio I. González Montañés
jgmontanes@gmail.com
Batallas grupais
Dende a Idade Media temos documentadas en
Europa batallas grupais no Entroido con
auga, ovos, fariña, fabas, améndoas, laranxas... tanto nos entroidos rurais
como nas cidades. Algunhas de estas batallas con comestibles aínda están vivas, como a Narangina italiana do carnaval de Ivrea (Turín), e o séu reflexo aparece no teatro de entroido castelán dende finais do século XV (Égloga
de Antruejo de Juan del Encina, ca. 1495, vv. 81-100):
Vieras los ajos guerreros, con morteros
huertemente encasquetados,
saltando por essos prados
muy ligeros
con lanças y majaderos;
los gallos por los oteros
muy corridos,
cansados, muertos, heridos
a poder de cañaveros.
Las cebollas enristraron
y assomaron
por ensomo de aquel teso;
los huevos, mandega y queso
no pararon,
que soncas llugo botaron
y al Carnal triste dexaron.
En revuelta
va huyendo a rienda suelta.
Hasta agora pelearon.
En Pontevedra temos documentadas batallas de ovos
no entroido, repetidamente prohibidas polas autoridades aínda que non
desapareceron ata finais do século XIX (ca. 1878), cando a suba do prezo dos
ovos as fixo prohibitivas. Tamén existiron no entroido pontevedrés lanzamentos de laranxas, pero polas
noticias que temos parece que eran pantomimas de cortexo nas que as mozas lles
tiraban as froitas dende as xanelas ou balcóns aos mozos que lles gustaban,
tanto no entroido como noutras festas, e con elas os mozos rifaban entre eles a laranxazos. No caso dos ovos, en Ourense os mozos os lanzaban no século XIX ás mozas que se asomaban a xanelas e balcóns, sendo sustituidos a principios do século XX por auga botada con xiringas.
En Galicia foron máis frecuentes no entroido as loitas con farelos ou fariña, as batallas con chichotes (xiringas artesanais cheas de auga sucia), e as disputas de mouros e cristiáns, que en moitas localidades facíanse no entroido. Tamén existiron en moitos sitios loitas de sexos nas que mozos e mozas enfrontábanse pola posesión do boneco do Entroido e/ou rifaban en verso, oralmente ou por medio de papeis que deixaban escritos en lugares públicos.
Dende mediados do século XIX o aburguesamento do Carnaval urbano europeo sustituiu os lanzamentos de ovos e laranxas polo confeti, e polas Batallas
de Flores, que responden a unha
antiga tradición cortesá con raíces medievais pero que no carnaval apareceron en Italia, pasaron a Niza e de alí exportouse o modelo a toda Europa. En Galicia as Batallas
de Flores foron introducidas polos alcaldes das cidades coa
intención de refinar as loitas (A Coruña, 1916), e acabaron sendo moi populares, especialmente na Coruña e Ourense.
Narangina de Ivrea
Batalla de frores nun asalto ao castelo do Amor. Salterio de Peterborough, séc. XIV (Bruselas, Bib. Royale. Ms. 9961, fol 91v)