Julio I. González Montañés

jgmontanes@gmail.com


Parodias de sementeiras e Xogos das Vacas

  Unha parodia recorrente no Entroido galego, e frecuente tamén noutras zonas de Europa, é a da sementeira. Interpretada polos antropólogos como unha arada ritual, imitación de antigos ritos de fertilidade, na actualidade atopámola en entroidos moi diferentes como poden ser os da Ulla (Oca, A Estrada), Moreiras (Toén), Os Ancares, o Entroidoribeirao (Santiago de Arriba, Chantada), o da Costa da Morte (Vimianzo, Mens, Cerqueda…) e o das Rías Baixas (Cobres, Vilaboa). Porén, agora o elemento cómico e paródico é a esencia das representacións, que aparentemente nada teñen que ver con ritos agrarios de fertilidade. En Vimianzo e Os Ancares, por exemplo, do arado tiraban dous homes malamente disfrazados de vacas, e o labrego ía detrás levando un caldeiro cheo de serraduras amasadas con auga sucia como se fose o gran para sementar. Cando o sementador espallaba o “gran”, facíao en dirección á xente que estaba preto, a cal corría dun lado a outro para esquivalo. 

  Unha variante máis desenvolvida das sementeiras son os Xogos das Vacas que se facían en terras de Malpica (nas parroquias de Mens, Cerqueda e Barizo). En Barizo, o Xogo fíxose ata principios da década de 2010 o martes ou o domingo de Entroido no campo da festa. Os actores chegaban nun carro do país tirado por dous mozos fortes vestidos con monos brancos e as caras cubertas (as vacas) e o carro era guiado por outro mozo vestido de muller fea e estrafalaria (a chamadora). Detrás ían o arador coa súa muller (tamén un mozo disfrazado), o sementador (sementando serraduras) e veciños estremeiros. Todos eles representaban comicamente o labor de arar e sementar, entre chistes de dobre sentido, ironías, bromas aos espectadores —que interviñan na representación respondendo ás pullas— e alusións máis ou menos claras aos veciños e aos acontecementos sociais e políticos do ano. As vacas adoitaban arremeter contra o público, o que provocaba carreiras, caídas, trompazos e risas. Finalizada a sementeira os participantes sentaban a comer, aparecendo entón uns tratantes de gando que pretendían comprar as vacas, acompañados dun veterinario que lles poñía inxeccións nos ubres (luvas de látex branco cheas de leite e que estoupaban cos picadas). Os tratantes apalpaban as vacas para comprobar a súa forza e facían unha oferta por elas, pero a muller do arador non estaba de acordo co prezo, non había trato e as vacas volvían á casa. Noutros tempos, a pantomima facíase tamén nas parroquias de Mens e de Cerqueda, e na zona faise remontar a orixe da representación cando menos ao século XIX, xa que os maiores din que xa se facía cando os seus pais eran nenos.