Julio I. González Montañés
jgmontanes@gmail.com
Carros e carrozas nas representacións do Entroido
Son frecuentes na actualidade os desfiles de carrozas no entroido das cidades galegas pero en xeral considerouse que é un costume recente, alleo ao entroido tradicional. Con todo, temos noticias bastante antigas de representacións de oficios en carros engalanados no entroido rural e vilego de Galicia, representacións que tamén se facían nas cidades, probablemente como estilización dun costume tradicional. Na
Coruña, por exemplo, houbo en 1863 sermón e enterro do Entroido, representouse un Apropósito e saíu un espectacular
cortexo de carrozas
nas que as diferentes asociacións de
artesáns coruñesas representaban os seus oficios, ou alegorías deles. O gremio
de carpinteiros presentou unha carroza con músicos, un xenio das artes e diferentes
artistas executando os seus labores; os obreiros da Real Maestranza levaban
unha fragua funcionando; o Recreo de Artesáns sacou varias carrozas: a Fábrica de pan Roland, con fornos que
cocían tortiñas que se lle repartían ao público; La casa de los locos de Zaragoza (nave de tolos, como o seu nome
indica); o Salón de peluquería y barbería al vapor (de “mucho efecto”, segundo un
cronista); e La Verbena de San Juan de Madrid, con buñuelera e organillo.
Tamén saíron carrozas representando oficios urbanos no Entroido coruñés de 1881
(redacción dun xornal, compañía de ópera...), e sabemos que as houbo en
Santiago ata 1893 a cargo dos veciños do barrio de Conxo.
Nao-carroza. Pontevedra 1900
Nao-carroza. Nuremberg S. XVII
A
existencia destes cortexos de oficios en carros, así como o desfile de carrozas
pontevedrés de 1900 (cf.
FICHA ),
obriga a preguntarse se son estilizacións cultas dos folións populares con
parodias de oficios, ou se os folións mencionados son imitacións burlescas das
representacións urbanas. A tese tradicional é a do aburguesamento do entroido rural nas cidades (cf. BREY & SALAÜN), pero parece que hai
relacións de ida e volta, e que no teatro de entroido das zonas rurais se
fixeron imitacións e parodias das representacións urbanas.
Moitas das representacións de oficios nas vilas galegas facíanse en carros, no
entroido e noutras festas (Monforte, Ponteareas, Chantada...), e xa a
principios do século XIX temos documentado o
Folión de Carude
(Monforte),
un desfile composto de carros de bois engalanados sobre os que se representaban
os labores agrícolas e os oficios tradicionais. Os carros saían en cortexo
acompañado de música dende a Eira de Carude, para festexar a finalización dos
labores da malla do trigo. O desfile monfortino fíxose de maneira regular ata
1846, non está claro dende cando, e esporadicamente logo, trasladado ao
Entroido, ata 1908, data da última noticia que temos del. É
probable que o folión fora o sucesor das
mascaradas de Pascua
, representacións
veciñais de Historias que tiñan lugar
en Monforte o luns de Pascua, a véspera da festa da Asunción e tamén, a cargo
dos estudantes, por Santo Tomás, representacións que temos descritas a finais
do século XVIII nun documento conservado no Archivo Histórico Nacional dado a coñecer en 2013 por Manuela Sáez González.
Podemos
facernos unha idea de como era o cortexo de Carude comparándoo co Folión dos
Carros de Chantada, documentado dende o século XIX e aínda existente, pero
non no Entroido. No caso de Chantada non hai diálogos, pero sobrevive unha
representación teatral de oficios en carros na parroquia de
Codeso
(Ponte Ulla, Vedra). Nela, os veciños das cinco aldeas da
freguesía preparan en cada unha un carro decorado no que representan un oficio,
a modo de teatro ambulante. Con eles o sábado de Entroido visítanse uns a
outros, e á tardiña, no campo da festa, cada parroquia fai a súa
representación, de carácter cómico e satírico. Na actualidade, máis que os
oficios tradicionais o que se parodia son os novos comercios, servizos e
establecementos de hostalaría abertos na zona durante o ano.
Carro do Corpus de Ponteareas
Folión dos carros de Chantada
O uso de
carromatos nas representacións teatrais do Entroido enlaza cunha tradición
medieval de teatro en carros documentada por toda Europa no Corpus e nas
representacións da Paixón (pageant-wagons ingleses e flamengos, roques cataláns
e valencianos, carros dos Autos
Sacramentales en Castela...), tradición que se corresponde cunha escena
simultánea anterior á aparición dos teatros con escenario de caixa á italiana.
En Galicia temos abundantes noticias de carros e carrozas con alegorías,
cartelas e representacións dialogadas nas procesións do Corpus dende o século
XVI (Santiago) e noutras festas como proclamacións e entradas reais (Mariana de
Neoburgo en 1690), natalicios rexios (Pontevedra 1707), recepcións de bispos e
visitantes ilustres, festas colexiais (Monforte 1640), celebración de vitorias
militares (Ourense 1707), festas patronais (San Roque en Betanzos), etcétera.
No caso do entroido rural, era habitual que os mecos ou entroidos viaxaran en carros de bois enfeitados, substituídos posteriormente por
carrozas, e o mesmo facían as compañías de farsantes que percorrían as aldeas representando disputas e parodias. Aínda
van en carros os mecos de Parada de
Amoeiro, Teixugueiras, Melón e Xinzo de Limia, entre outros, ou a Micaela de Buño (Malpica), meca xigante que se despraza nunha plataforma con rodas tirada
por un tractor, e que é queimada o martes de Entroido, e séguense a facer aínda
parodias e representacións en carros en entroidos tradicionais como o de Laza.
Nos entroidos
urbanos temos tamén noticias da existencia de cortexos de carros. En Vigo o
prato forte do entroido de 1877 foi un espectacular desfile de carrozas que
partiu o martes do Campo de Granada (ao pé do castelo de San Sebastián, no
lugar en que hoxe se atopa o edificio do Concello). Pasando baixo un grande
arco de triunfo enramado, levantado para a ocasión, baixou pola rúa Pracer cara
ao centro da cidade, chegando ata a Alameda onde estaba emprazado o catafalco
de Momo, rei do entroido vigués, “olímpicamente embutido en la monstruosa boca
de un dragón”. Encabezaban o cortexo “cinco magníficos guerreros armados
de punta en blanco hasta los dientes y montando soberbios alazanes,
perfectamente engualdrapados”, seguidos por trompeteiros, banda de música e
un estandarte levado por un negro de a cabalo no que se lía: “A
nuestro magnífico y poderoso señor Dios MOMO”. A continuación, desfilaban
os deuses do Olimpo: “un grupo precioso formado por doce personajes cada uno
en su carro, ricamente adornado, representando a los dioses mitológicos-bufos,
por el siguiente orden: Orfeo, Esculapio, Saturno, Minerva, Apolo, Mercurio,
Baco, Neptuno, Marte, Cupido, Venus y Júpiter. Este grupo llamará la atención de los más exigentes, en cuanto
al exquisito gusto y riqueza de sus lindísimos trajes”. Pechaban a comitiva maceiros e
cabaleiros nos seus corceis (cf. Programa de los grandes festejos que
en obsequio al muy alto y poderoso Señor, Dios Momo, celebra la Sociedad
Carnavalesca de Vigo en los días 4, 11, 12, 13 y 14 de febrero de 1877,
Establecimiento tipográfico de El Diario, Santiago, 1877; e Programa
de los magníficos festejos que han de celebrarse en la ciudad de Vigo en el
Carnaval de 1877, Imprenta de M. Fernández Dios, Vigo, 1877). Lisardo R.
Barreiro foi consciente na época de que ese entroido das carrozas e do deus
Momo non era o do pobo, e di, en evidente alusión ao entroido popular do barrio
do Berbés e os seus
merdeiros, que “La gente del pueblo diviértese de bien
distinto modo, que la 'hig life'... Aquélla con su sartén, su ruedo y la cara
emborronada, grita, goza... y goza tal vez más que los otros”.
Carro do Meco de Ansemar
Carro do Meco de Xinzo
En 1879 fíxose
en Ferrol a
Apoteosis de Cristóbal Colón,
ideada polo mestre, pedagogo e xornalista cambadés Juan David Pérez Mandado (†1897), entón residente na cidade. Pérez Mandado organizou o Entroido cos seus
alumnos, anunciouno nun programa impreso que conservamos e paseouse polas rúas
durante tres días nun carro de bois, caracterizado como Cristóbal Colón e
rodeado dun cortexo de nenos recitando os seus papeis. Hai
algunhas referencias na prensa galega da segunda metade do século XIX sobre a actividade de Mandado como
dramaturgo pero, ata onde eu coñezo, agás os textos en castelán da Apoteosis, non se conservan as súas obras teatrais, que probablemente serían
bufas e quizais en galego, a xulgar pola comparación que na época se facía das
súas pezas teatrais coas de Xan da Coba.
No entroido
compostelán de 1893 saíu unha
mascarada con carros
que representaban o Amor e os Vicios do xogo e da bebida. Encabezaban o cortexo uns diaños de a
cabalo; a carroza de Baco era unha taberna ambulante, e un diario santiagués
afirmou que os borrachos “iban tan a la perfección y representados tan á lo
vivo que parecían borrachos de verdad”.
Espectaculares
foron os carros do entroido de
Pontevedra de 1900
, deseñados polo debuxante e decorador Demetrio Durán Hermida, dos que se conservan no Museo de Pontevedra os
bosquexos de Durán e fotografías de todos eles, publicadas algunhas na revista
madrileña Nuevo Mundo e a totalidade
por Enrique Labarta, autor do Apropósito que se representou no entroido dese ano.
Carros coma os pontevedreses e representacións de apropósitos existiron noutras cidades galegas, e parece que algunhas
vilas imitaron o que se facía nas cidades mais importantes. En Ponteareas, por
exemplo, o luns de Entroido de 1906 representouse no Teatro Domínguez un
apropósito titulado
La marina en el teatro
obra nun acto e tres cadros con catro personaxes (un deles unha
máscara), da cal era autor “un joven de
esta villa” (Teodoro Medal). A representación era un complemento da
actividade da comparsa Los Marinos e
da súa espectacular carroza, que reproducía o cruceiro acoirazado da armada
española Carlos V e disparaba flores
cos seus canóns.
Carroza de Parada de Amoeiro
Proxecto de Carroza de los Vicios. Demetrio Durán. Pontevedra 1900