Julio I. González Montañés

jgmontanes@gmail.com

Teatro e teatralidade no Entroido

  ​Dende a Idade Media ata a actualidade, o Entroido foi a un tempo espectáculo, sociodrama e teatro: espectáculo, polos elementos escenográficos que nel se empregan (máscaras, disfraces, carros...); sociodrama, pola participación unánime e colectiva do pobo, o cal non deixa practicamente lugar para a mirada, só para o acto; e teatro porque hai nel tanto dramatización (escena simbólica) como actuación (escena real), e unha representación contextualizada e ritualizada que canaliza os impulsos reprimidos do individuo e do grupo. 

  A noción moderna do teatro implica un acto público no que se fusionan dúas formas de expresión diferentes: a literaria e a espectacular, pero en moitas épocas e contextos favorécese a representación, o espectáculo, en detrimento do texto dramático. En relación coa Idade Media, e aínda para boa parte da Moderna, hoxe prefírese falar, como Roland Barthes, de teatralidade, concepto que, non cabe dúbida, tende a converterse en caixón de xastre no que colle todo, pero que resulta moi axeitado neste caso, porque todo no Entroido é teatro: as máscaras, as parodias, os disfraces e os diálogos son elementos dunha teatralidade ambiental, asociada ao rito e á festa. En sentido clásico o Teatro, con maiúscula, require a presenza de cinco ingredientes: diálogo dramático, personificación, execución nun espazo concreto, notacións e acción con intriga. Estes trazos, por separado, poden existir noutros xéneros (o diálogo en textos narrativos, as notacións como indicación ao lector en textos líricos, etc.), polo que é necesario que aparezan xuntos para que poida falarse, en propiedade, de teatro. 

  Tanto en Galicia coma noutras rexións da Península e do resto de Europa moitos aspectos da festa do Entroido oscilan entre a teatralidade do que hoxe chamamos teatro de rúa e a representación teatral clásica nun escenario, e, por outra parte, en Galicia se desenvolveron unhas formas de teatro de entroido intimamente emparentadas coas do resto de Europa, feito este que convén ter en conta á hora de analizar a conexión entre o entroido e o teatro.

  Na Idade Media e no Renacemento é evidente, en moitos países, a existencia dunha ligazón entre entroido e teatro. En Francia, farces e sotties representábanse no entroido nos séculos XV e XVI, e obras como o Jeu de la Feuillée de Adam de la Halle (1276) hai que interpretalas tamén dentro da tradición carnavalesca. En Alemaña, o xénero do teatro de entroido (Fastnachtspielen) está abundantemente representado e tamén en Italia os textos proliferan dende a segunda metade do XVI, sendo moi populares os Testamenti di Don Carnale. Na Península, pola contra, a pesar das extraordinarias posibilidades dramáticas das Carnestolendas, os textos teatrais conservados son escasos. O tema do Combate entre Don Carnal e Dona Coresma, moi en voga na literatura europea dende o século XIII, non foi descoñecido e calquera lector familiarizado coa literatura castelá medieval lembra o impresionante combate do Libro de buen amor (ca. 1343), en que o Arcipreste de Hita desprega o mellor das súas facultades para as escenas de debate e para a descrición. No teatro, con todo, só contamos cun pálido recordo destes combates nuns versos da Égloga de Antruejo de Juan de la Encina (vv. 90 ss.) en que o dramaturgo, inspirándose quizais en Juan Ruiz, pero tamén nos festexos populares, limítase a resumir os trazos máis frecuentes destas batallas, non tan alegóricas como puidese parecer xa que se escenificaban en moitas ocasións (tamén en Galicia) con lanzamento de produtos como ovos, laranxas ou farelos.