Julio I. González Montañés
jgmontanes@gmail.com
Salvaxes e farrapóns
O
oso
relaciónase co salvaxe, e é un motivo
moi estendido no folclore europeo o mito da muller raptada por un salvaxe ou
por un oso con quen concibe un fillo. Dende a Idade Media, os cortexos de
Entroido contaban frecuentemente cun grupo de homes ou mulleres salvaxes, e
moitos sobreviven na actualidade. Aínda hoxe no Entroido de Basilea (Suíza),
vivido case como unha festa litúrxica, saen cortexos de homes salvaxes
enmascarados, e é probable que as corrozadas de Zamora e moitas máscaras galegas teñan a mesma orixe, do mesmo xeito que
outras mascaradas de inverno como a viejanera cántabra, que tiña lugar durante o día de fin de ano con homes disfrazados con
peles de animais e chocas correndo aloucadamente e pelexándose.
Os datos dos
séculos XVI-XVIII indican que estas mascaradas deben de ser un costume antigo e
arraigado, aínda que para algúns folcloristas, como Hermann Bausinger, na súa
forma actual teñen unha orixe cortesá e son o resultado da contaminación dos
salvaxes literarios e dos momos palacianos cos orcos e maios da mitoloxía
popular. A
cronoloxía dos testemuños conservados así parece indicalo, pero isto pode deberse
á escaseza de rexistros sobre as festas populares non cristiás, que normalmente
coñecemos soamente por disposicións condenatorias. No caso peninsular, destaca
a noticia do Codex Vigilanus ou
Albeldense (séculos VIII-X), no que aparece unha referencia a mulleres que se
disfrazaban e imitaban estes seres míticos: “qui in saltatione femineum habitum gestiunt et monstruose se fingunt et
majas et arcum et palam et simila exercent”, pecado para o que se prescribe
un ano de penitencia.
Máscaras de
salvaxes e outras de seres peludos ou cubertos de follas e ramas están
documentadas nas Entradas Reais, nos torneos, nas
procesións e noutras festas cortesás, ademais de, por suposto, na arte, medio
en que frecuentemente as representacións mostran claros indicios de estar
inspiradas nos salvaxes e cachimorros reais que saían ás rúas de aldeas e cidades, xa que perderon as súas
características “naturais” e parecen claramente homes disfrazados con tipos
caricaturescos e vestidos de la ou pel que deixan ao descuberto mans e pés
nunha difícil transición (véxanse, por exemplo, os salvaxes do cadeirado do coro
de Xunqueira de Ambía), ou colgan dos seus cintos os chocallos, que os
relacionan inequivocamente coas máscaras (Capela dos Vélez na catedral de
Murcia).
Ademais da súa
presenza en entroidos e mojigangas,
estes salvaxes disfrazados foron moi frecuentes nas procesións do Corpus,
contexto en que os temos documentados en Galicia no século XVI. En Santiago de
Compostela, en 1565, o concello dispuxo unha ordenación das danzas gremiais do
Corpus e adxudicóuselles aos armeiros a representación dunha dança de salbajes, danza que debía de
ser habitual xa que en 1570 se repetiu con motivo da entrada do arcebispo
Cristóbal Fernández de Valtodano. Tamén a confraría de acibecheiros, que
representaba a Batalla de Clavijo,
levaba no seu cortexo os cabalynos y
salvajes, e noutras cidades galegas deberon de existir cortexos de salvaxes
semellantes, xa que na ordenación compostelá se di: “...los armeros y barberos con
su danza de una docena de salvajes y un par de pelas al vso de la procesión de
Pontevedra”.
É probable que as máscaras de entroido cubertas con corozas de palla como os farrapóns de Pentes (A Gudiña) e de Veiga do Seixo, os
farrapeiros
de Bande, O Peloto de Tameirón, etc. teñan unha relación cos salvaxes cortesáns, ben por que se inspiren neles ou porque os salvaxes sexan estilizacións de figuras míticas da cultura popular que perviviron no entroido.