Julio I. González Montañés

jgmontanes@gmail.com


Entremeses, momadas, farsas e comedias

  É sintomático da percepción popular do carácter teatral das mascaradas do entroido en Galicia o feito de que nalgúns lugares, como Cotobade (Pontevedra), ás máscaras e comparsas de entroido se lles chamen momadas, o que permite establecer unha relación cos momos medievais, representacións cortesás que temos abundantemente documentadas en Castela e Portugal, aínda que é probable que a relación non sexa directa senón a través dos cortexos, triunfos e enterros do Deus Momo, deidade da risa que presidía os entroidos urbanos galegos da segunda metade do século XIX. 

  Do mesmo xeito, a denominación de entremeses, que se daba tradicionalmente ás parodias carnavalescas nalgúns lugares de Galicia (Oímbra, Cualedro, Castro de Laza...), pode ser indicio da existencia de representacións teatrais antigas, e xa mencionei que a finais do século XVI o xesuíta Antonio Rodríguez de Vilaza compuña entremeses para o Entroido que se representaban no colexio de Monterrei. En Oímbra chamábanlles entremeses ás parodias carnavalescas que se fixeron ata os anos 80 con textos dos veciños, aínda que as pezas conservadas non teñen diálogo e son simples monólogos nos que se pasa revista, en verso e en clave cómica, aos acontecementos do ano. En Cualedro hai noticias de que se facían durante o entrudio representacións do tipo das disputas (ou fuliadas), que a principios do século XX se denominaban entremeses, e consistían en imitacións e sátiras de cregos e autoridades, ademais de bromas sobre os sucesos veciñais; e en Castro de Laza consta tamén a existencia da representación dun entremés (así denominado) no que se parodiaban os sucesos do ano. A denominación entremés aparece tamén en pezas compostas para o entroido urbano como o Entremesiño do Antroido pr’os rapaces (1813) recentemente descuberto: en galego e en castelán, é obra probablemente de Antonio Benito Fandiño, composta no cárcere de Santiago e representada polos presos compañeiros de Fandiño.

  Noutros casos as representacións teatrais denomínase farsas, e xa mencionei a existencia en Baiona dunha Farsa do Emperador representada cara a 1550, probablemente no Entroido. En Touro, facíase ata os anos 40 a Farsa do casamento, parodia dunha voda cos noivos adecuadamente vestidos, os padriños e unha parranda de invitados. O enlace burlesco celebrábase nun cercado de acacias en flor simulando unha igrexa na que estaba o crego, e dous diaños que tentaban impedir o casamento. Farsas semellantes foron frecuentes con Entroidos, bonecos que representan o Carnaval e son casados con gran festa. En Mugares (Toén) e en Cotobade fixéronse vodas de entroidos ata os anos 50. No caso de Mugares (recuperadas en 2018), os contraentes eran dous bonecos de palla e vimbio, o mazaruco e a mazaruca, antigamente movidos dende dentro por homes como se fosen xigantes ou cabezudos, e posteriormente convertidos en monicacos estáticos, vestidos el de militar e ela de dama elegante. Os noivos partían en carros o martes de Entroido á mesma hora, un do Moreiro e outro de Mugares, e no medio do camiño atopábanse e facíase a voda.

  Outras representacións, como a Farsa de Casa de Naia  (Antas de Ulla) ou a Farsa Dulcinea da Meda, teñen esa denominación porque llela deu Antonio Fraguas, pero non consta que neses lugares a xente lles chamara así. No primeiro caso trátase dun conxunto de parodias de oficios e mais dun testamento de entroido, e o segundo é, en realidade, un xuízo e queima do Entroido, que na zona se coñecen como Queimas da Pascua. Facticia é tamén a denominación Farsa da matanza do porco para referirse á representación que se facía en Loxo (Touro) nos anos 30, e a de Farsa de Calavera Don Gallo, para poñerlle título a un xuízo do galo en castelán que se facía na Pascua en Ribadulla (Vedra) a principios da década dos 40. Algúns autores falan tamén de farsas en relación coas representacións de Entroido nas terras do Ulla, e realmente moitas son farsas, aínda que pola súa temática a maioría entran na categoría das parodias de oficios. Destaca na zona a Farsa do alistamento dos quintos de Berres (A Estrada), representada na primeira metade do século XX e na que interviña a Vella do meniño, sendo o meniño un boneco coñecido como Xaniño do antroido. Na farsa, a vella tentaba untar os funcionarios para que non levaran ao seu Xaniño á milicia.  

Comedias

   Non é frecuente en Galicia chamarlles comedias ás representacións do entroido, pero hai algúns casos documentados. En Mugares, ata mediados do século XX, facíase na praza do Eiró unha “comedia satírica” á que acudían os entroidos (mazaruco e mazaruca), as máscaras (labardeiros) e numerosos veciños da bisbarra, e no entroido de Cerqueda (Malpica) representouse unha obra teatral complexa, hoxe desaparecida, coñecida como Comedia de San Antoniño, peza cómica na que se lle pedía ao santo a curación dun home-vaca enfermo. Verdadeiras comedias son tamén, na actualidade, as representacións teatrais que se fan no entroido de San Xoán de Salcedo (Pobra do Brollón). A principios do século XX facíanse ao aire libre no Modillón, a parte alta da vila, e eran do tipo das disputas ou fuliadas , en verso, con textos de veciños como Agustín de Fradelo ou Domingos de San Cibrao, e cunha temática baseada en sucesos locais, parodias de oficios e acontecementos importantes (Guerras de África, proclamación da II República, etcétera). Hoxe en día as representacións fanse o domingo de Entroido nun local cuberto, con escenario e decorados, e aínda que as pezas seguen sendo de carácter cómico e incidindo nos acontecementos do ano, todo é moito máis formal e os textos teñen ata didascalias con indicacións dos movementos e xestos dos actores. Pezas de principios do século XXI teñen títulos como Unha borracheira a morte, Ladrós en apuros ou Fíate e non corras, que recordan os textos dos apropósitos urbanos de finais do século XIX e principios do XX.