Julio I. González Montañés
jgmontanes@gmail.com
Batallas de Mouros e Cristiáns
As Festas
de Mouros e Cristiáns están moi estendidas por toda a Península. As máis
famosas atópanse na zona levantina e andaluza, pero aínda se fan en Galicia en
sete localidades e hai noticias da súa existencia en vinte e nove máis, na
actualidade desaparecidas. Foron abundantes ata hai poucos anos, especialmente
no sur do país (hainas tamén no norte de Portugal), e sobreviven, representadas
anual ou esporadicamente, en Laza, A Franqueira, A Saínza, Trez, Retorta, Mouruás e Mouriscados. Ademais, grazas ao traballo etnográfico de Vicente
Risco, Xesús Taboada Chivite, X. M. González Reboredo e outros, temos noticias
e descricións de outras moitas, hoxe desaparecidas ( Bentraces, Larouco, Redemuiños, Vilanova de Arousa, etcetera) [1].
As Batallas, Guerras, Ataques ou Disputas eran
e son auténticas representacións teatrais, con textos dialogados, vestiario
máis ou menos adecuado e unha escenografía que inclúe castelos dos mouros e
canóns pirotécnicos, barcos (en Pontevedra), carrozas en forma de naves
(Bentraces), cabalos, etc. Temos noticias de Danzas de Mouros e Cristiáns dende o século XVI (Santiago,
Betanzos), danzas que continuaron no XVII (Vigo, Carril, Vilanova, Ribadeo), parece que nesa época sen diálogos, cuxa existencia non está
documentada ata o século XVIII ( Pontevedra, A Coruña, Lugo...). Os textos que
conservamos, en galego e en castelán, son dos séculos XIX e XX, e non hai
probas documentais da existencia das representacións actuais ata mediados do
século XIX ( A Saínza e A Franqueira), aínda que poderían ser anteriores e
revitalizadas pola influencia das guerras de África que España mantivo en
Marrocos, e no caso da batalla con barcos de Pontevedra xa se facía no século XVIII. [2].
Mouros no entroido de Merza (Vila de Cruces)Mouros e cristiáns Fareladas Chichotes
Hoxe en día as representacións fanse nas
festas patronais, en varios casos nas de Santiago e en localidades do Camiño. Son tamén frecuentes nos textos
as alusións ao Apóstolo, á lendaria Batalla
de Clavijo e ao Tributo das cen
doncelas, e a presenza de historias e personaxes do Ciclo carolinxio medieval (Carlomagno, Roldán, Oliveros, Reinaldos, Balán, Fierabrás, Ferragut...).
Esta temática inseriuse no contexto xacobeo dende épocas temperás (século XI),
en relación coas lendas hispano-francesas sobre a expedición militar de
Carlomagno en España contra os musulmáns e do descubrimento do Camiño de Santiago. Un claro precedente
literario medieval para as loitas de Mouros e Cristiáns galegas atópase no
denominado Pseudo-Turpín (=Historia
Turpini), relato do século XII recolleito no Libro IV do Códice Calixtino da catedral de
Santiago, no que se inclúen dous Diálogos en latín Mouro-Cristián que son evidentes precedentes cultos das disputas
actuais: o Diálogo de Carlomagno e
Aigolando antes dunha batalla, que termina coa conversión e bautismo dos
mouros, e a famosa Disputa de Roldán e
Ferragut, seguida de combate singular entrambos e vitoria do cristián,
xusta da que temos abundantes referencias na literatura e numerosas
representacións plásticas na arte románica. Esta Materia de Roncesvalles seguiu sendo popular na Idade Moderna (romanceiro, Historia de Carlo Magno e dos Doce Pares de Francia...), e
popularizouse aínda máis no século XVIII coas secuelas da Historia de Carlo Magno e os pregos de cordel que as transmitiron,
moi apreciados entre os lectores das clases populares galegas.
Sabemos que nalgúns lugares as
representacións se facían tanto nas festas patronais coma no Entroido [en Bentraces (Barbadás), por exemplo]. Temos noticias doutras localidades nas que
tamén se fixeron no Entroido: Lalín, Larouco, Santa Tegra de Abeleda (Castro Caldelas) e Nerga (Cangas), e dalgunhas máis que probablemente tamén se facían
no tempo do carnaval [A Armada (Cartelle), Magros (Beariz), e A Rúa].
En
Larouco (Ourense), o combate fíxose ata os anos 30 e, segundo Taboada Chivite,
representábase nas aforas da aldea con utilización de “cañones de corcho y
tizonas”, rematando co
triunfo dos cristiáns e coa rexouba estrondosa dos asistentes. No Entroido de Santa Tegra de Abeleda (Castro
Caldelas), segundo testemuño dun informante maior da localidade recollido por
Emilio Araúxo en 1990, na primeira metade do século XX facíanse representacións
de Mouros e Cristiáns: “na Abeleda o martes de carnaval, eu acordo que
facían de mouros e cristiáns, vestidos o mouro de mouro e o cristián de
cristián. De soldados. E entón formaban a batalla. Iso estaba moi ben”, e
sabemos tamén que no Entroido de Nerga (Cangas do Morrazo), a finais dos anos
50 facíase unha pantomima na que interviña o lendario heroe carolinxio Roldán,
sobriño e paladín do emperador Carlomagno. Tamén en
Lalín (Pontevedra) facíanse unhas Guerras
do Entroido chamadas piñatas, entre elas unha que Vicente Risco
describiu así:
“Hai nelas un xeneral mouro e outro cristián, e con cada
xeneral van os lanceiros e os oficios. Os lanceiros levan guerreiras vellas, bandas
e puchos altos moi adornados. Diante vai o correo e pide paso e contéstanlle en
verso rimbombante; botan o desafío con versos feitos por iles e deprendidos. E
despois avanza o exército”.
Por último, cómpre salientar que case unha terceira parte das trinta e seis localidades galegas que fixeron representacións de mouros e cristiáns, facíanas no tempo do entroido, e a elas cabe engadirlles as abundantes disputas dos Xenerais do Entroido da Ulla, que para moitos investigadores poderían ser transformacións de antigas loitas de Mouros e
Cristiáns (cf. supra cap. Disputas ou fuliadas).
Efectivamente, nos textos desas disputas hai frecuentes referencias a os mouros (en Touro e en Arzúa, por exemplo) e os propios mouros interveñen aínda hoxe nos desfiles de Ponte Ledesma e de Merza (Vila de Cruces), cabalgando a lombos de burros e encargándose de facer un discurso satírico sobre os acontecementos do ano nas súas parroquias.
_______________________________
[1] Recentemente (2019), Xosé Manuel González Reboredo
catalogou e estudou vinte e catro casos na obra máis completa que se fixo ata agora sobre estas
festas en Galicia (cf. GONZÁLEZ REBOREDO (2019). Eu puiden atopar noticias documentais ou
bibliográficas de unha ducia máis (cf. a miña Base de datos en internet).
[2] Demetrio Brisset sinalou hai tempo que é probable
que as guerras de África de finais do XIX e principios do XX revitalizasen as
antigas representacións de Mouros e Cristiáns en España, e en Galicia González
Reboredo atopou indicios disto mesmo en varios lugares. Especialmente claro é o
de Mouruás (San Xoán de Río), onde un dos mouros da Batalla é Muliabás, variante popular do nome de Muley-el-Abbás,
irmán do sultán de Marrocos durante a guerra hispano-marroquí de 1850-60, que
tivo unha ampla difusión na prensa española da época e popularizou personaxes
como este líder marroquí, derrotado polo xeneral Prim e asinante do Tratado de Wad-Ras que puxo fin á
denominada Primeira Guerra de África.