Julio I. González Montañés

jgmontanes@gmail.com

Mulas, vacas e outras bestas

  Son frecuentes no Entroido galego as máscaras de animais (mula, vaca, cabalo, cervo...), con cabezas de madeira ou coiro, e, se é o caso, con pelo e cornos reais. Pode levalas un home, sendo o corpo da besta unha armazón de madeira ou vimbio, ou dous homes, facendo nese caso un deles o lombo do animal, cuberto nos dous casos cunha tea, pel, colcha ou manta. Son máis de vinte os casos coñecidos, seguen saíndo en media ducia de lugares (Manzaneda, Laza, Sande...), e sabemos que nalgún caso a máscara tiña un mecanismo que lle permitía abrir e pechar a boca (cabalo de Peitieiros, Gondomar).



  En Castro Caldelas, a Mula falsa estaba formada por dous homes e levábaa un maragato enmascarado que invitaba as mulleres a subir nela a cambio dunha pequena cantidade de diñeiro para mercarlles viño aos portadores, os cales botaban a moza ao chan se non pagaba. Similar é a Mula de Viana do Bolo , que daba couces a todo o que se lle achegaba, pero permitía montar nela aos que pagaban viño ou daban propina. Neste caso, ao chegar a noite facíase unha pantomima na que a mula simulaba estar enferma, e era curada por un médico a base de sopas de pan, azucre e viño. As mulas son figuras moi estendidas no carnaval peninsular, ao cal chegaron quizais procedentes do Corpus, festa na que aínda saen en Cataluña (Mulasas de Reus, Barcelona, St. Feliu de Pallarols...).

  No caso das vacas, moi abondosas no Entroido galego ( Marela  de  Maceda , Morenas de Laza  e da Mezquita , Rubia de Vilardevós ...), as súas actuacións limítanse a perseguir o público para cornealo, e cómpre lembrar que a vaca Vitula ou Vetula era unha das máscaras tradicionais das Lupercalia romanas, e que nos séculos VI e VII os concilios de Auxerre e San Eloi condenan a quen se disfrace de vaca ou cervo no primeiro de ano. O Concilio de Auxerre, ao final do século VI, di: Non licet kalendis Ianuarii vetulo aut cervulo facere vel strenas diabolicas observare, sed in ipsa die sic omnia beneficia tribuantur, sicut et reliquis diebus [“Non é lícito disfrazarse de becerro ou de cervo nin observar agoiros diabólicos no primeiro de ano”]; e nas Exhortationes, San Eloi pide tamén, no século VII, que ninguén se disfrace nas kalendas de xaneiro nin de becerro nin de cervo.    


  En Manzaneda , o Boi ou Touro sae acompañado dun toureiro e faise unha pantomima de tauromaquia na que o animal cae morto. Similar é o caso de Celavente  (O Bolo), aínda que nese caso o acompañante, denominado o xigante, leva un estoque de madeira pero guía o touro e non o mata. Outros casos de bois, vacas ou touros no entroido galego actual son os de Sande  (Cartelle), A Veiga , Matamá  e Castro de Laza (Laza), Campobecerros  (Castrelo de Val, sae cun cervo). Temos tamén noticias e/ou testemuñas gráficas da súa existencia pasada en moitas localidades como Vilamor  (O Courel, saía cun cabalo), Cobres  (Vilaboa, tamén cun cabalo), Peitieiros  (Gondomar), Mandín  (Verín),   Cartelos  (Carballeda de Valdeorras), San Xusto (Palas de Rei, saía acompañada dunha mula), Boado  (Xinzo de Limia), Fornelos  (O Rosal), Enciñeira  e Bendilló  (Quiroga), etc.


Boi  de A Veiga
Morena de Laza