Julio I. González Montañés

jgmontanes@gmail.com


Testamentos, cartas e farsas do burro 

   O burro é un animal que xoga un papel importante no entroido galego: levando os carros dos Mecos, portando a personaxes como os Mouros de A Merza e Ponte Ledesma (Vila de Cruces); homenaxeado polas dores de costas que evita co seu traballo (a burra Chirica de Seixo, Marín-PO), e obxecto de burla nas coplas e os Testamentos do Burro de Laza e outras localidades. Os burros aparecen no entroido galego formando parte de cabalgatas como as de Xinzo de Limia ou A Merza, e frecuentemente encárganse de levar a lombos ao entroido (Viana do Bolo, Santa María de Ois, A Espenuca...) ou tiran do seu carro como no Carballiño, Monforte, Xinzo ou Ansemar. Nalgúns lugares como Cotobade os testamenteiros do burro facían a súa aparición montados no animal mirando cara ó rabo, e en Vilaverde (Melón) saían tamén na Historia do entroido veciños en burro "sentados de cu para diante". A postura, clara expresión do mundo do revés característico do entroido, está documentada desde o século XIII nas parodias dos Bispiños de Inocentes ou de San Nicolás (cf. Foto), e tamén era a maneira de montar que antigamente se lles obrigaba a adoptar aos reos que eran conducidos á picota ou ao cadalso, e en moitas ocasións a dos demos que na arte medieval aparecen representados cabalgando animais. 

















  
  As máscaras de burros e as figuras de borricos de palla non son frecuentes en Galicia pero foron relativamente abundantes nalgúns entroidos da provincia de A Coruña, especialmente das comarcas de Bergantiños e Xallas: en Santa Comba saían burros nas parroquias de Castriz, San Salvador, Grixoa de Esternande, Vilamaior, Bazar e Freixeiro; en Coristanco houbo figuras de borricos en Vilar de Couso, Rial de Cuns, As Salgueiras, Valenza e Mira, e están documentados tamén en outras zonas de Val do Dubra (Malvarez e Buiro), así como no concello de A Baña. En Vedra sacaban o burro e colocábano diante das casas dos veciños con coplas satíricas, e o mesmo facían en Oza (Carballo). En Santiago de Compostela enviábanselle ao burro cartas de amor xocosas que se leían en público, e tamén na zona de Bergantiños as mulleres escribíanlle cartas ao burro coma se fosen para o seu namorado. Estas Cartas do Burro existiron en moitos lugares, con numerosas variantes, ata os anos 50, e no concello de A Baña e en San Andrés de Vea (A Estrada-PO) había veciños especialistas en redactalas, tanto de amor como satíricas, normalmente en verso e con debuxos cómicos de burros.

  Os Testamentos do burro / burra, monólogos recitados por un testamenteiro, ás veces con música, están documentados en Europa dende o século XIII (Testamentum dominum Asini), e temos noticias deles nos entroidos galegos de Laza, Celanova, Faxilde (Vilagarcía), A Mezquita (A Merca), Ganceiros e Grou (Lobios), Vilardevós e noutras moitas localidades incluíndo o norte de Portugal. En Galicia o Testamento do burro poñía o punto e final ó entroido, e nalgúns lugares facíase tamén o Enterro  ou a Queima do burro, un boneco de palla con forma animal ou humana (un lardeiro). En Vilagarcía, a principios do século XX, as letras dos testamentos vendíanse ao público en follas impresas, e conservamos algúns textos como este de Faxilde (c. 1969): 

Bispiño facendo unha bendición burlesca montado do revés nun asno (Ms. francés, s. XIII. Biblioteca da Universidad de Yale,  MS Beinecke 229, fol. 104v).


Atentos señores

a este papel roto.

Que morreu a burra

de Juan O Piloto.


E Juan O Piloto

choraba por ela.

Adiós miña burra,

miña burra vella.

 

E quen a enterrou:

foi o sacristán,

co sacho no cu,

coa vela na man...

  Taboada Chivite publicou os versos de inicio doutro testamento de Vixa de Abaixo (Grou, Lobios), no que se pasaba revista rapidamente aos feitos máis destacados do ano, e a burra deixaba con sorna ás súas pernas aos coxos, as orellas aos xordos, o pelo aos calvos, etcétera.
                                                                                                           Eiquí, na Vixa de Abaixo,
                                                                                                           fixádevos o que pasóu;
                                                                                                           unha burra moribunda
                                                                                                           que, antes de morrer, testóu...    

  O testamento do burro máis coñecido na actualidade é o de Laza, que se segue recitando anualmente e do que conservamos numerosos textos que, partindo dunha estrutura común, introducen cada ano variacións con referencias aos sucesos de actualidade na vila. Os versos que a continuación ofrezo son os do comezo dun testamento dos anos 80, publicado por Xerardo Dasairas Valsa en 1990:


Non me toquedes as chocas

estai quietos peliqueiros

aconchegaivos veciños

que fala o testamenteiro.


Seica no ano pasado

houbo protestas da xente

pois a burro regalado...

non hai que mirarlle o dente.


¿É que vos medrou a lingua

ou criticades por vicio?

pois de seguir esto así

pouco me dura o oficio.


Xa me avisaron algúns:

"Non andes de pita choca,

que o que se mete a falar

xa sabe o que lle toca:

Sementes ou non sementes

conta con herbas na horta".


Que nunca me falten burros

pra botar o testamento,

hasta agora non hai queixa,

pois coma xa estades vendo

inda non reparto un

e xa está outro morrendo...


O Testamenteiro do Burro de Laza

Farsas do burro

  En algúns lugares das comarcas de Xallas, Bergantiños e Muros (A Coruña) o burro era o protagonista de representacións teatrais como A morte do burro de Santa Comba (recuperada en 2024), ou a Farsa do burro de Valenza (Coristanco, recuperada en 2025). Na primeira delas a figura do burro é unha máscara de madeira e tea, levada por dous homes e acompañada por unha vella (un varón travestido)  e un grupo de mascarados. O burro paséase polos camiños da parroquia de Castriz facendo que mexa, lanzando cinza e meténdose cos veciños, pero enferma e morre (cf. Foto), provocando grandes queixumes da vella ata que un cura resucita ao borrico recitándolle unha letanía en latín e en galego macarrónicos. No caso de Valenza a memoria popular dí que os varreduiros tentaban secuestrar á vella dona do burro, o cal tiña unha cola de toxos coa que golpeaba ao público mentras a muller tentaba venderlles o borrico, sen éxito xa que todos dicían que estaba moi fraco. A vella era rescatada polos peliqueiros e modernamente a Garda Civil custodia ao burro (cf. Fotos).

  Na actualidade recuperouse tamén a Queima do Burro en Abelleira (Muros), por iniciativa dos entruideiros da Asociación Cultural Ponte Vella. Neste caso non se trata exactamente dunha representación teatral: os veciños de Abelleira de Arriba sacaban un burro de palla e saco e levábano a Abelleira de Abaixo onde o queimaban en ton de burla, ao cal responderon os de Abaixo facendo o mesmo e provocando enfrontamentos na Ponte Vella que comunica os dous lugares, os cales se solucionaron cando decidiron queimar xuntos un só burro na Ponte, territorio neutral.

Morte do burro de Santa Comba en 2024. Fotos:  Gustavo Terol e Tomás Pereiro en O Son da Curuxa.
Farsa do burro de Valenza (Coristanco) en 2025. Fotos:  Ana García en  La Voz de Galicia .