Julio I. González Montañés

jgmontanes@gmail.com

Introdución

  Os nosos eminentes devanceiros permitiron esta festa. Por que se nos ha de prohibir agora? Non facemos o festexo en serio, senón por pura broma, para divertirnos segundo a tradición. É por iso que unha vez ao ano rendémonos á tolemia, que é a nosa segunda natureza e parece ser innata en nós. Os bocois de viño estouparían se non lles sacásemos os tapóns de cando en vez para airealos. Daquela, entregámonos ás bufonadas durante uns días para logo dedicarnos ao servizo de Deus con maior fervor.

                                                                    
 
Claustro da Facultade de Teoloxía da Universidade de París sobre a Festa do burro (1444).

  O Entroido tradicional non hai que entendelo como unha alternativa ás prácticas relixiosas eclesiásticas, xa que participa dos seus mesmos límites sagrados e concíbese como unha inversión dos valores da liturxia oficial, o mesmo que outras moitas festas medievais de inversión das xerarquías. No Entroido, como nas mascaradas de inverno de carácter parateatral (o Bispiño, as Festas de Tolos ou as Festas do Asno), os elementos folclóricos e os clericais atopámolos integrados nas festas litúrxicas do ano e non son, en absoluto, contraditorios. Do mesmo xeito que o Carnaval, as liturxias de borrachos, de xogadores ou do diñeiro, que parodian o ritual dos oficios divinos, son en realidade coherentes ritos de inversión que poñen o mundo do revés pero serven para reforzar a dualidade do pensamento medieval e como válvula de escape das tensións sociais.   

  festa do Entroido atopa o seu verdadeiro sentido na división litúrxica do ano cristián, e non pode ser entendida sen a Coresma. A mesma etimoloxía da palabra Carnaval, derivada da expresión latina Carne vale, é dicir, os últimos días nos que estaba permitido comer carne antes da Coresma, indícanos a relación da festa co ano cristián, e o mesmo sucede coa denominación Antroido, Entroido ou Entrudio (en galego) e Antruejo (en castelán), derivadas da voz latina Introito que alude á introdución ao tempo da Coresma. Os intentos nalgunhas épocas de prohibición do Entroido, por parte dun sector integrista do clero, non deben levarnos a esquecer que esas festas de inversión se desenvolveron na maior parte dos casos en ambientes eclesiásticos e toleradas pola Igrexa, a cal foi en xeral consciente de que a desorde ritualizada non corrompe a orde social e relixiosa senón que, pola contra, contribúe a consolidala, como argumenta con bo siso en 1444 o Claustro da Facultade de Teoloxía da Universidade de París na cita que encabeza esta páxina.

   É certo que os entroidos europeos relaciónanse con festas romanas de inversión das xerarquías como as Saturnalias e as Lupercalias, e que neles poden atoparse, quizas, restos dun folclore agrario neolítico que perviviron tamén noutras festas invernais como as do Asno, as dos Tolos ou as de Reis e pasaron na Baixa Idade Media ás procesións do Corpus, dende as cales volveron máis tarde ao entroido, tanto popular como urbano. En calquera caso, o entroido galego, tal e como o coñecemos, ten unha orixe tardomedieval e paréceme esaxerado buscarlles ás máscaras galegas orixes prehistóricas, ou interpretar as abundantes parodias de sementeiras do entroido como "aradas rituais" e cultos de fertilidade cando non son máis que farsas para facer rir, o mesmo que outras parodias de oficios.

   Máis alá da existencia de paralelos antigos, o carnaval europeo e unha festa que nace no Occidente cristián na Baixa Idade Media. As referencias documentais máis antigas que temos son de Venecia, no primeiro terzo do século XIV, e na arte temos representacións claras de folións de entroido nas miniaturas dun manuscrito francés do Roman de Fauvel, obra de principios do século XIV conservada na BnF, e no Romans d'Alixandre framenco da Bodleian Library (ca. 1340). Porén, xa no románico e no primeiro gótico hay representacións de máscaras na escultura e na miniatura que suxiren unha orixe das mascaradas do entroido a finais do século XII o comenzos do XIII, probablemente en moitos casos por transferencia das máscaras das festas de primeiro de ano que temos documentadas antes, para condenalas, dende a Alta Idade Media.
 
  En Galicia temos dende o século X referencias ao introito / entroydo como data de pago, ​pero a referencia é na maioría dos casos a unha data do ano cristián no calendario eclesiástico, que sinala o comezo da Coresma. A palabra festa non aparece mencionada neles, e nalgúns casos como o do Tombo de Toxos Outos de 1185 a expresión utilizada (ad Introytumm Christe), subliña o carácter eclesial da festa. Xa no século XIII parece que se ten producido un cambio: na colección documental do mosteiro de S. Pedro de Ramirás menciónase  o festo de entroidu en 1251,  na do mosteiro de San Clodio do Ribeiro en 1276 a festa d'Entruydo, e na de San Pedro de Rochas no ano 1276 o festo carni privii, e no 1363 a festa d'entroydo, o cal parece indicar que nesas datas xa se lle recoñece a categoría de festa popular.

   Proba de que o entroido foi tolerado pola Igrexa católica e que a festa só se espallou por Europa dende o final da Idade Media é o feito de que fora prácticamente descoñecida nos países protestantes e na Inglaterra anglicana, onde a xerarquía da súa Igrexa consideraba no século XVIII o entroido “unha conspiración continental”, e un “detestable uso estranxeiro”, o propio príncipe de Gales, que en 1883 viaxou a Niza para coñecer o famoso Carnaval da cidade, recoñeceu que "Inglaterra non coñece o Carnaval". E pois o entroido un producto católico, aínda que con raíces en antigas máscaradas de inverno e festas romanas de inversión, que ten unha orixe popular pero que a finais do Renacemento e no Barroco comenza un proceso de urbanización e ostentación no cal perde o seu carácter de verdadeira festa —esencia mesma da cultura popular—, pasando a ser espectáculo e rito social, aínda que mantendo a sátira. Xa no século XIX o aburguesamento culmina dando lugar a un novo paradigma, dulcificado e civilizado, da festa do entroido. Só en algunhas zonas rurais sobreviviu o entroido popular, con toda a súa brutalidade, espontaneidade e carga simbólica, mentras que nas cidades todo cambiou. En palabras de Julio Caro Baroja: "Desde el momento en el que hasta la diversión se reglamentó, siguiendo criterios políticos, concejiles, atendiendo a ideas de orden social, buen gusto etc., el Carnaval no pudo ser sino una mezquina diversión de casino pretencioso. Sus encantos se acabaron”.