Julio I. González Montañés
jgmontanes@gmail.com
Testamentos do
burro
Os
Testamentos do burro / burra,
monólogos recitados por un testamenteiro,
ás veces con música, están documentados en Europa dende o século XIII (Testamentum
dominum Asini), e temos noticias deles nos entroidos galegos de Laza,
Celanova, Faxilde (Vilagarcía), A Mezquita (A Merca), Ganceiros e Grou
(Lobios), Vilardevós e noutras moitas localidades incluíndo o norte de
Portugal. En Galicia o Testamento do burro poñía o punto e final
ó entroido, e nalgúns lugares facíase tamén o Enterro do burro, un
boneco de palla con forma animal ou humana (un lardeiro).
En Vilagarcía,
a principios do século XX, as letras dos testamentos vendíanse ao público en
follas impresas, e conservamos algúns textos como este de Faxilde (c. 1969):
Atentos señores
a este papel roto.
Que morreu a burra
de Juan O Piloto.
E Juan O Piloto
choraba por ela.
Adiós miña burra,
miña burra vella.
E quen a enterrou:
foi o sacristán,
co sacho no cu,
coa vela na man...
Taboada
Chivite publicou os versos de inicio doutro testamento de Vixa de Abaixo (Grou,
Lobios), no que se pasaba revista rapidamente aos feitos máis destacados do
ano, e a burra deixaba con sorna ás súas pernas aos coxos, as orellas aos
xordos, o pelo aos calvos, etcétera.
Eiquí, na Vixa de Abaixo,
fixádevos o que pasóu;
unha burra moribunda
que, antes de morrer, testóu...
O testamento
do burro máis coñecido na actualidade é o de Laza, que se segue recitando
anualmente e do que conservamos numerosos textos que, partindo dunha estrutura
común, introducen cada ano variacións con referencias aos sucesos de
actualidade na vila. Os versos que a continuación ofrezo son os do comezo dun
testamento dos anos 80, publicado por Xerardo Dasairas Valsa en 1990:
Non me toquedes as chocas
estai quietos peliqueiros
aconchegaivos veciños
que fala o testamenteiro.
Seica no ano pasado
houbo protestas da xente
pois a burro regalado...
non hai que mirarlle o dente.
¿É que vos medrou a lingua
ou criticades por vicio?
pois de seguir esto así
pouco me dura o oficio.
Xa me avisaron algúns:
"Non andes de pita choca,
que o que se mete a falar
xa sabe o que lle toca:
Sementes ou non sementes
conta con herbas na horta".
Que nunca me falten burros
pra botar o testamento,
hasta agora non hai queixa,
pois coma xa estades vendo
inda non reparto un
e xa está outro morrendo...
O Testamenteiro do Burro de Laza