Julio I. González Montañés

jgmontanes@gmail.com


Batallas de Mouros e Cristiáns

  As Festas de Mouros e Cristiáns están moi estendidas por toda a Península. As máis famosas atópanse na zona levantina e andaluza, pero aínda se fan en Galicia en sete localidades e hai noticias da súa existencia en vinte e nove máis, na actualidade desaparecidas. Foron abundantes ata hai poucos anos, especialmente no sur do país (hainas tamén no norte de Portugal), e sobreviven, representadas anual ou esporadicamente, en Laza, A Franqueira, A Saínza, Trez, Retorta, Mouruás e Mouriscados. Ademais, grazas ao traballo etnográfico de Vicente Risco, Xesús Taboada Chivite, X. M. González Reboredo e outros, temos noticias e descricións de outras moitas, hoxe desaparecidas ( BentracesLarouco, Redemuiños, Vilanova de Arousa, etcetera) [1].

  As Batallas, Guerras, Ataques ou Disputas eran e son auténticas representacións teatrais, con textos dialogados, vestiario máis ou menos adecuado e unha escenografía que inclúe castelos dos mouros e canóns pirotécnicos, barcos (en Pontevedra), carrozas en forma de naves (Bentraces), cabalos, etc. Temos noticias de Danzas de Mouros e Cristiáns dende o século XVI (Santiago, Betanzos), danzas que continuaron no XVII (Vigo, Carril, Vilanova, Ribadeo), parece que nesa época sen diálogos, cuxa existencia non está documentada ata o século XVIII ( Pontevedra, A Coruña, Lugo...). Os textos que conservamos, en galego e en castelán, son dos séculos XIX e XX, e non hai probas documentais da existencia das representacións actuais ata mediados do século XIX ( A Saínza e A Franqueira), aínda que poderían ser anteriores e revitalizadas pola influencia das guerras de África que España mantivo en Marrocos, e no caso da batalla con barcos de Pontevedra xa se facía no século XVIII. [2]

 

Mouros no entroido de  Merza (Vila de Cruces)
Mouros e cristiáns Fareladas Chichotes

Hoxe en día as representacións fanse nas festas patronais, en varios casos nas de Santiago e en localidades do Camiño. Son tamén frecuentes nos textos as alusións ao Apóstolo, á lendaria Batalla de Clavijo e ao Tributo das cen doncelas, e a presenza de historias e personaxes do Ciclo carolinxio medieval (Carlomagno, Roldán, Oliveros, Reinaldos, Balán, Fierabrás, Ferragut...). Esta temática inseriuse no contexto xacobeo dende épocas temperás (século XI), en relación coas lendas hispano-francesas sobre a expedición militar de Carlomagno en España contra os musulmáns e do descubrimento do Camiño de Santiago. Un claro precedente literario medieval para as loitas de Mouros e Cristiáns galegas atópase no denominado Pseudo-Turpín (=Historia Turpini), relato do século XII recolleito no Libro IV do Códice Calixtino da catedral de Santiago, no que se inclúen dous Diálogos en latín Mouro-Cristián que son evidentes precedentes cultos das disputas actuais: o Diálogo de Carlomagno e Aigolando antes dunha batalla, que termina coa conversión e bautismo dos mouros, e a famosa Disputa de Roldán e Ferragut, seguida de combate singular entrambos e vitoria do cristián, xusta da que temos abundantes referencias na literatura e numerosas representacións plásticas na arte románica. Esta Materia de Roncesvalles seguiu sendo popular na Idade Moderna (romanceiro, Historia de Carlo Magno e dos Doce Pares de Francia...), e popularizouse aínda máis no século XVIII coas secuelas da Historia de Carlo Magno e os pregos de cordel que as transmitiron, moi apreciados entre os lectores das clases populares galegas. 

  Sabemos que nalgúns lugares as representacións se facían tanto nas festas patronais coma no Entroido [en Bentraces (Barbadás), por exemplo]. Temos noticias doutras localidades nas que tamén se fixeron no Entroido: Lalín, Larouco, Santa Tegra de Abeleda (Castro Caldelas) e Nerga (Cangas), e dalgunhas máis que probablemente tamén se facían no tempo do carnaval [A Armada (Cartelle), Magros (Beariz), e A Rúa]. En Larouco (Ourense), o combate fíxose ata os anos 30 e, segundo Taboada Chivite, representábase nas aforas da aldea con utilización de “cañones de corcho y tizonas”, rematando co triunfo dos cristiáns e coa rexouba estrondosa dos asistentes. No Entroido de Santa Tegra de Abeleda (Castro Caldelas), segundo testemuño dun informante maior da localidade recollido por Emilio Araúxo en 1990, na primeira metade do século XX facíanse representacións de Mouros e Cristiáns: “na Abeleda o martes de carnaval, eu acordo que facían de mouros e cristiáns, vestidos o mouro de mouro e o cristián de cristián. De soldados. E entón formaban a batalla. Iso estaba moi ben”, e sabemos tamén que no Entroido de Nerga (Cangas do Morrazo), a finais dos anos 50 facíase unha pantomima na que interviña o lendario heroe carolinxio Roldán, sobriño e paladín do emperador Carlomagno. Tamén en Lalín (Pontevedra) facíanse unhas Guerras do Entroido chamadas piñatas, entre elas unha que Vicente Risco describiu así: 

   “Hai nelas un xeneral mouro e outro cristián, e con cada xeneral van os lanceiros e os oficios. Os lanceiros levan guerreiras vellas, bandas e puchos altos moi adornados. Diante vai o correo e pide paso e contéstanlle en verso rimbombante; botan o desafío con versos feitos por iles e deprendidos. E despois avanza o exército”. 

  Por último, cómpre salientar que case unha terceira parte das trinta e seis localidades galegas que fixeron representacións de mouros e cristiáns, facíanas no tempo do entroido, e a elas cabe engadirlles as abundantes disputas dos Xenerais do Entroido da Ulla, que para moitos investigadores poderían ser transformacións de antigas loitas de Mouros e Cristiáns (cf. supra cap. Disputas ou fuliadas). Efectivamente, nos textos desas disputas hai frecuentes referencias a os mouros (en Touro e en Arzúa, por exemplo) e os propios mouros interveñen aínda hoxe nos desfiles de Ponte Ledesma e de Merza (Vila de Cruces), cabalgando a lombos de burros e encargándose de facer un discurso satírico sobre os acontecementos do ano nas súas parroquias.

_______________________________
[1] Recentemente (2019), Xosé Manuel González Reboredo catalogou e estudou vinte e catro casos na obra máis completa que se fixo ata agora sobre estas festas en Galicia (cf. GONZÁLEZ REBOREDO (2019). Eu puiden atopar noticias documentais ou bibliográficas de unha ducia máis (cf. a miña Base de datos en internet).
[2] Demetrio Brisset sinalou hai tempo que é probable que as guerras de África de finais do XIX e principios do XX revitalizasen as antigas representacións de Mouros e Cristiáns en España, e en Galicia González Reboredo atopou indicios disto mesmo en varios lugares. Especialmente claro é o de Mouruás  (San Xoán de Río), onde un dos mouros da Batalla é Muliabás, variante popular do nome de Muley-el-Abbás, irmán do sultán de Marrocos durante a guerra hispano-marroquí de 1850-60, que tivo unha ampla difusión na prensa española da época e popularizou personaxes como este líder marroquí, derrotado polo xeneral Prim e asinante do Tratado de Wad-Ras que puxo fin á denominada Primeira Guerra de África.