Julio I. González Montañés

jgmontanes@gmail.com


O Entremés de Bora


  O texto teatral más antigo que conservamos do Entroido galego é, posiblemente, o denominado Entremés de Bora, unha peza breve de 67 versos conservada manuscrita na Real Academia Galega e publicada por Fermín Bouza Brey en 1949, clasificándoa dentro do teatro de Carnaval. O Entremés foi composto na segunda metade do século XVIII e é obra dun canteiro da parroquia de Santa Mariña de Bora, Gregorio Couto (ou do Couto), documentado como aprendiz de cantaría en 1752 (nas respostas ao Interrogatorio do Catastro do Marqués de la Ensenada de 1749, fol. 212v), o que parece indicar que nesa data era un adolescente e, por tanto, que probablemente o seu entremés sería algúns anos posterior. 

  Couto empregou o galego e o castelán nos diálogos, reflectindo claramente unha situación de diglosia no uso da lingua, que leva a que o seu personaxe principal fale en galego para si mesmo, pero o faga en castelán e finxa non entender o galego cando responde a quen se dirixe a el como alcalde da vila. É evidente a intención cómica da obra, que foi cualificada tamén como sainete, pero en realidade non hai proba ningunha de que fose representada no Entroido. Bouza Brey supúxoo polo seu carácter burlesco e pola énfase na comida, pero os versos “Eu o meu santo querido / sempre gostei celebralo / comendo e bebendo ben” parecen apuntar cara a unha festa patronal, aínda que cabe tamén a posibilidade de que o "santo querido" do alcalde sexa burlescamente o Santo Entroido. Así se lle denomina en moitos lugares de Galicia e sabemos tamén que, ata principios do século XX, ​Santa Mariña de Bora, antigamente concello de Mourente e na actualidade concello de Pontevedra, era o punto no que confluían as comparsas de Entroido da zona, que se desprazaban en carros engalanados e unha vez reunidas facían representacións cómicas nun escenario existente no lugar de As Pontes.

  O argumento da peza é moi sinxelo: o vello alcalde recibe as queixas da súa veciña, unha vella que protesta polo cheiro que sae da cociña da casa do alcalde e polos malos tratos recibidos dos seus criados, que propoñen darlle unha malleira aínda que o alcalde non o permite “porque las mujeres son bestias afligidas”. Remata a obra coa vella chamando á festa: “Mociñas de Bora, faguer foliada!”. Máis extenso é o texto do Entremés gallego de Susana y Lorenzo (ca. 1750), peza bilingüe de carácter cómico descuberta en 2016 e publicada no 2024, a cal foi representada nas festas populares galegas ata finais do século XIX, aínda que non consta que fose no Entroido.


Bouza-Brey Teatro de Carnaval en Galicia