Julio I. González Montañés
jgmontanes@gmail.com
Os nosos eminentes devanceiros permitiron esta festa. Por que se nos ha de prohibir agora? Non facemos o festexo en serio, senón por pura broma, para divertirnos segundo a tradición. É por iso que unha vez ao ano rendémonos á tolemia, que é a nosa segunda natureza e parece ser innata en nós. Os bocois de viño estouparían se non lles sacásemos os tapóns de cando en vez para airealos. Daquela, entregámonos ás bufonadas durante uns días para logo dedicarnos ao servizo de Deus con maior fervor.
Claustro da Facultade de Teoloxía da Universidade de París sobre a Festa do burro (1444).
O
Entroido
tradicional non hai que entendelo como unha alternativa ás prácticas relixiosas
eclesiásticas, xa que participa dos seus mesmos límites sagrados e concíbese
como unha inversión dos valores da liturxia oficial, o mesmo que outras moitas
festas medievais de inversión das xerarquías. No Entroido, como nas mascaradas
de inverno de carácter parateatral (o Bispiño,
as Festas de Tolos ou as Festas do Asno), os elementos
folclóricos e os clericais atopámolos integrados nas festas litúrxicas do ano e
non son, en absoluto, contraditorios. Do mesmo xeito que o Carnaval, as
liturxias de borrachos, de xogadores ou do diñeiro, que parodian o ritual dos
oficios divinos, son en realidade coherentes ritos de inversión que poñen o
mundo do revés pero serven para reforzar a dualidade do pensamento medieval e
como válvula de escape das tensións sociais.
A
festa do Entroido atopa o seu verdadeiro
sentido na división litúrxica do ano cristián, e non pode ser entendida sen a
Coresma. A mesma etimoloxía da palabra Carnaval, derivada da expresión latina Carne vale, é dicir, os últimos días nos
que estaba permitido comer carne antes da Coresma, indícanos a relación da
festa co ano cristián, e o mesmo sucede coa denominación Antroido, Entroido ou Entrudio (en galego) e Antruejo (en castelán), derivadas da voz
latina Introito que alude á
introdución ao tempo da Coresma. Os intentos nalgunhas épocas de prohibición do
Entroido, por parte dun sector integrista do clero, non deben levarnos a
esquecer que esas festas de inversión se desenvolveron na maior parte dos casos
en ambientes eclesiásticos e toleradas pola Igrexa, a cal foi en xeral
consciente de que a desorde ritualizada non corrompe a orde social e relixiosa
senón que, pola contra, contribúe a consolidala, como argumenta con bo siso en
1444 o Claustro da Facultade de Teoloxía da Universidade de París na cita que
encabeza esta páxina.
É certo que os entroidos europeos relaciónanse con festas romanas de inversión das xerarquías como as Saturnalias e as Lupercalias, e que neles poden atoparse restos dun folclore agrario neolítico que perviviron tamén noutras festas como as do Asno ou as dos Tolos e pasaron na Baixa Idade Media ás procesións do Corpus, dende as cales volveron máis tarde ao entroido, tanto popular como urbano.