Julio I. González Montañés

jgmontanes@gmail.com

Testamentos e matanzas do porco

  O máis antigo dos testamentos de animais do que temos noticia en occidente é o testamento do porco, que para Mijail Bajtin sería a fonte dos testamentos do burro e dos restantes testamentos de animais posteriores. San Xerónimo infórmanos de que a mediados do século IV nas escolas do mundo tardoromano os rapaces cantaban o Testamentum Porcelli no medio de grandes risas, e conservamos en versións medievais prosificadas o texto latino en que o porco M. Grunnius Corocotta (=Marcos Roñón Corocota) dita as súas últimas vontades nas que doa os seus ben aos seus pais e a súa irmá, e as partes do seu corpo a diferentes herdeiros seguindo a estrutura formal dun testamento notarial. Todo o texto é unha parodia, con partes dialogadas e diferentes elementos humorísticos con xogos de palabras formais e conceptuais que reforzan a comicidade, e ten relación co entroido xa que o bacoriño manda asinar o seu testamento "o décimo sexto día das Calendas Lucerninas", é dicir, o 17 de decembro, primeiro día das festas Saturnais. Ditas festas son, coas Lupercais, os antecedentes romanos directos dos entroidos europeos e sabemos que nas Saturnalia o porco, animal lustral e sacrificial por excelencia na civilización romana, protagonizaba os banquetes tanto públicos como familiares que se facían en honra de Saturno, deus da agricultura e da fertilidade.

  Testamentos del cerdo
séguense lendo nalgunhas localidades da Península e de América [Zuheros (Córdoba), Abrantes (Portugal), Antioquía (Colombia)...]. Existiron tamén en Cataluña e en Francia, e en moitas zonas de España chámaselle “testamento del cerdo” ao despezamento final do animal para facer os embutidos, xa que era habitual que os testamentos se leran na festa da matanza, como aínda se fai na localidade cordobesa de Zuheros. 

  En Galicia, a pesar da importancia do porco na gastronomía do entroido, na economía campesiña e no imaxinario popular, non teño noticias da existencia de testamentos do porco no entroido tradicional, pero Antonio Fraguas documentou a representación nos anos trinta dunha Farsa da matanza do porco  no Entroido de Loxo (Touro, A Coruña), na que o animal, feito de palla e con rodas para levalo ao matadoiro, tiña un petardo dentro do bandullo que estoupaba no intre de chamuscalo, esnaquizándoo e provocando a ira de Antonia, a muller do matachín Goros, que a emprendía a paus co seu marido dicindo:

Goros, o porco morreu,
en trescentos mil anacos.
Agora, no teu lombo vou romper
este meu mallo dos carros.

   En Cerqueda (Malpica-CO) facíase na primeira metade do século XX un Xogo do Porquiñoe en Viveiro (Lugo) aínda se fai o desfile do porco cun cocho vivo, antigamente tirado por un burro, que é paseado polas rúas e sorteado entre os veciños o domingo de entroido. En Lugo o porco de Santo Antón foi noutros tempos un dos protagonistas do entroido, e en Santiago aínda é habitual que o Meco sexa un personaxe de actualidade pero con cachola de porco. En 1984 fíxose en Betanzos o Enterro do porco, en lugar do da sardiña, e na actualidade faise un Enterro do porco no entroido de Mos (Pontevedra), e algúns anos tamén o seu Testamento [1], pero o Señor Porcallón é unha figura recente, sen tradición na zona.


Enterro do porco no entroido de Mos
Meco de Santiago
Enterro do porco no entroido de Betanzos (1984)

[1] Testamento do porco de Mos, 2011.

Á Policia Local déixalle o conduto anal, a ver se deixan de multar ó persoal. O punto de control é a parada de Puxeiros, como poñas o intermitente,… aparece un axente.
Os do Mos-Keo levan o traballo e a Comunidade de Montes pon os cartos, despois ven o madeireiro e arrinca os sinais do sendeiro. O porco deixoulle un collón,… por mamalón.
Ao capataz da cuadrilla do monte, Sindo, deixoulle os ollos, de lonxe aínda bueno pero de cerca non mira ben.
Deixou dentro da corte a Faustino “o de Fomento”, pa’ que siga facendo o mono rebozándose no abono.
Á Asociación de Veciños deixoulles a Cacheira, pa’ que se lembren de vir máis de cotío pola Carballeira
Á Festa da Prehistoria deixoulle o corazón, pa’ ver se son capaces de acabar co botellón.
No Moskeo deixou un pezuño, pa’ facer buracos dos espantallos nas veigas no mes de xuño.
Ó Circulo Cultural deixoulle os miolos, pa’ que deixen de pensar en facer a festa eles solos. Tamén deixou para a Rondalla o bandullo, porque para os veciños de Mos é un orgullo.
Á Fundación deixoulle un lacón, pa’ que os problemas do Pazo teñan solución.
Aos traballadores de Isocold deixoulles as costelas pa’ que fagan unha churrascada e superen mellor esta gran putada. Ao Xefe que os enganou deixoulle as tripas aínda que non merece nin as cascas das pipas.
Ó Lagarto Alonso deixoulle o touciño pa’ que poña os cables de aluminio,… a situación é tan pobre que os cacos rouban todo o que teña cobre.
O porco enterouse de que Jorge “fai boas mijas con Julia Loureiro”, para iso lles deixou na casa o caldeiro.
A Berto, o concelleiro de deportes, deixoulle os untos, por queimar os cartos dos foguetes todos xuntos.
A Jose Maria “O Xefe” deixoulle a pía, pa’q ue arranxe os semáforos da Vía.
A Nidia Arevalo deixoulle o fígado, pa’ que lle filtre as facturas de tanto líquido,…. A este curricho, sepa usté,… tamén lle gustaba o likor do nejro kafé.
A Zapatero deixaralle sempre o rabo, ata que non solucione o problema do paro.
A Rajoy deixoulle o arillo, pa que llo poña a Camps e máis ó do bigotillo.
A señora Pajín deixalle os pulmós, porque os fumadores e taberneiros tamén queren solucións…….. e non só prohibicións.
Os chourizos deixounos na carballeira, para que os probe quen queira.

A tradución do texto latino ao galego, en versión do profesor do Centro EPA de Vigo Rubén Martínez Rodríguez, podería ser a seguinte: 

Comeza o testamento do bacoriño: 
Marcos Roñón Corocota, bacoriño, fixen testamento. Porque non podía escribilo da miña man, diteino para que o escribiran. 
O cociñeiro Chef dixo: “ven aquí, destrutor da casa, levantacháns, porquiño fuxitivo, porque hoxe levo a túa vida”. 
O porco Corocota dixo: “si algo fixen, se en algo faltei, se rompín algúns vasiños coas miñas patas, por favor, cociñeiro, déixame vivir, atende a miña súplica”. 
O cociñeiro Chef dixo: “Vai, rapaz, tráeme un coitelo da cociña para sangrar este porco”. 
O porco é agarrado polos criados é levado o décimo sexto día das Calendas Lucerninas, cando abundan os repolos, sendo cónsules Enfornado e Pementado. E cando viu que ía morrer, solicitou un aprazamento dunha hora e pediu ao cociñeiro que lle deixase facer testamento. Chamou aos seus parentes á súa presenza para deixarlles algo dos seus pensos, e dixo: 
- “Doulle a meu pai Porco Touciñento, 30 modios de landra, e a miña nai, Xabarina Vella, dou 40 modios de trigo de Laconia, á miña irmá Quirina, na voda de quen non puiden estar presente, estou disposto a darlle 30 modios de cebada. E das miñas vísceras darei aos zapateiros as crinas, aos rifóns a cachola, aos xordos as orellas, aos picapleitos e charlatáns a lingua, e aos chouriceiros as tripas. As carnicerías as pernas, as mulleres os lombos, os nenos a vexiga, as rapazas o rabo, os efeminados os músculos, os corredores e cazadores os talóns, os ladróns as uñas. E ó innomeable cociñeiro, déixolle en manda o cullerón e o morteiro que levei de Theveste ata Tergeste, cunha corda atada ao pescozo”. 
- "E quero que me fagan un monumento, e nel escrito con letras de ouro: «Marcos Roñón Corocota, o bacoriño, viviu 999 anos e medio, e se vivise a metade doutro tería cumprido mil anos»".
- “A quen me quere ou aos testamenteiros da miña vida, rógovos que vos comportedes ben co meu corpo; que o sazonedes ben con bos condimentos de nogueira, pementa e mel, para que o meu nome sexa sempre lembrado. Os meus propietarios e os meus curmáns que estiveches no meu testamento, mandade que o asinen”. 
Touciño asinou. Albondeguiña asinou. Cominos asinou. Longaínza asinou. Roxón asinou. Porco a Celsiniana asinou. Asado de voda asinou. 
Remata felizmente o testamento do bacoriño, o décimo sexto día das Calendas Lucerninas [*], sendo cónsules Enfornado e Pementado.

[*] 17 de decembro, primeiro día das festas Saturnais.