Julio I. González Montañés
jgmontanes@gmail.com
Outras pantomimas
Boa parte das
máscaras galegas do entroido teñen prohibido falar, polo cal as súas actuacións
se converten necesariamente en pantomimas, aínda que nalgún caso funcionan tamén como
actores con diálogo nas representacións. Os boteiros de Vilariño de Conso e de
Viana do Bolo, por exemplo, fan piruetas apoiándose na súa monca (bastón longo) para impresionar as señoritas que participan nas representacións das disputas ou
foliadas, pero tamén dialogan con elas tentando namoralas.
No Courel
facíase a pantomima do Cego e o criado,
o cal metía ao seu amo en canta cuneta, focha ou charco atopaba; en Nerga (Cangas) a finais dos anos 50 facíase un combate mimado en que interviña o
lendario heroe carolinxio Roldán;
e pantomima é tamén a do
Rei de Covelo (Melón), que sae a cabalo o martes de Entroido acompañado dos seus mordomos e
diríxese monte arriba cara ao Coto da Raña precedido por un carro de vacas en
que viaxan dous mecos (o Entroido e a Entroida) vestidos de noivos e seguidos
por un paxe que leva unha rosca doce para a poxa. Os espectadores e os soldados
que forman parte do cortexo tentan quitarlle ao Rei a coroa durante o camiño ao
Coto, e no descenso son os danzantes que no alto bailaron en torno ao Rei os
que tentan facer o mesmo, sendo obriga dos membros da comitiva real (o bobo, o
xuíz, o fiscal e os gardas) impedilo e evitar o destronamento do Entroido.
Boteiro acróbata
O Rei de Covelo