Julio I. González Montañés

jgmontanes@gmail.com

A caza do oso

Teatro de entroido en galicia


  A caza do oso


  As máscaras de oso e os homes-oso son un elemento recorrente e de gran potencia no folclore europeo. O oso é considerado un parente ou antecesor dos seres humanos e un símbolo de forza, poder e fertilidade ata o punto que moitas liñaxes teñen ao oso como emblema heráldico, e cidades como Berna (Suiza) no só o teñen no seu escudo senón que a lenda popular o considera protector da poboación nas guerras. Ata o descubrimento do león por gregos e romanos, o oso foi para os europeos o rei dos animais e algúns folkoristas falan da existencia dunha antiga relixión do oso, cando menos na Europa do norte e oriental, o cal explicaría que a Igrexa condenara as festas do oso (cf. infra), e considerara ao animal coma diabólico ("Ursus typum diaboli praefigurat; ursus est diabolus", di S. Agostiño), e luxurioso; isto último pola longa duración da súa cópula e a suposta tendencia dos machos a raptar rapazas para aparearse con elas, creencia moi extendida nas lendas que consideran aos salvaxes como froito desas relacións. O oso é no imaxinario popular -e tamén na literatura culta- un animal lascivo, como a vaca, o cabalo, ou galo, o cal explica que todos eles aparezan na festa do entroido, pola súa carnalidade e sexualidade.

  A pesar das condenas algunhas desas festas do oso chegaron os nosos días, e sabemos da existencia de outras moitas hoxe desaparecidas. Deixando aparte a existencia de osos "domados" e encadeados aos que se obrigaba a bailar e facer piruetas (cf. Fotos infra), por toda Europa (Inglaterra, Francia, Alemaña, norte de Italia, países nórdicos, e, especialmente, Rusia, Bulgaria e outras zonas eslavas) temos noticias de pantomimas e danzas dramatizadas nas que o mamífero estaba representado por un home disfrazado con peles e máscara de oso, o cal era cazado e encadeado polos humanos. Na Península aínda se conserva algunha destas danzas nas máscaradas de inverno, tanto no  primeiro de ano coma no entroido: hainas no País Vasco e Navarra (o Hartza de Elgueta, Eibar, Markina-Xemein, Arizkun, Ituren... ), en Cantabria (Toranzo), e en Vallespir (St-Laurent-de-Cerdans e Prats-de-Molló, Rosellón), área catalá na que ata hai poucos anos sobreviviron varias máis no contexto do Entroido (cf. Foto de Arles-sur-Tec na zona pirenaica francesa). Existiron tamén bailes e danzas do oso noutras zonas, algunhas recuperadas recentemente (cf. Fuente Carreteros, Córdoba); e festexos como o da Vijanera cántabra, os Sidros asturianos, e os farrampóns galegos e portugueses é probable que estean relaccionados coas mascaradas de osos.

   Para moitos folcloristas estas danzas do oso, representadas normalmente no mes de febreiro, serían supervivencias dun antigo mito, un rito de deshibernación de orixe prehistórica. É posible, pero só se conserva documentación sobre elas dende a época medieval. Xa no século IX o arcebispo Hincmar de Reims condena certos “vergoñentos xogos con osos” (turpia joca cum urso) e as xograresas que os facían, así como as “máscaras demoníacas” que neles se empregaban (vel tornatricibus ante se facere permittat nec larvas daemonum qua vulgo talamascas dicunt), o que proba que non se trataba simplemente de osos bailaríns senón de espectáculos máis desenvoltos, que moitos autores non dubidaron en considerar verdadeiros dramas clasificables dentro do teatro carnavalesco, dos cales temos unha primeira imaxe nun Psalterium triplex francés do século XII, e numerosos casos posteriores, especialmente no norte de Europa (cf. Fotos infra). O tema da caza do oso é tamén habitual nos romances de cabalerías (Valentin et Ourson) que en ocasións deron lugar a representacións populares, como a catalá de Rosaura de l’Os, que se escenificaba anualmente o día 24 de febreiro, cando menos dende 1444, e pasaron ao teatro culto posterior (Ursón y Valentín de Lope de Vega).



  
  En Galicia temos noticias de Danzas do Oso vilegas desde o século XIX (cf. infra, en Betanzos perviviu ata 1914), e aínda seguen saíndo máscaras de oso nos entroidos de Salcedo (Pobra do Brollón), Sande (Cartelle) e Manzaneda. En todos os casos os disfraces confecciónanse con peles de ovella e as carautas con coiro, metal ou madeira, o mesmo que o do Bicho do Entroido de Viana do Bolo, que só se distingue dos anteriores na careta de saco.

   No caso de Salcedo, o oso percorre as rúas levando un cinto con chocas e acompañado por nove ou dez criados vestidos de saco e enmascarados, asaltando os transeúntes para emporcalos coas súas gadoupas cheas de sarrio,  e o mesmo fan os seus acompañantes coas súas brochas molladas en feluxe, "ungüento" benéfico co cal embadurnan a todo o mundo e especialmente o ventre das mulleres para garantir a súa fertilidade. Esta complicidade entre o oso e os seus acompañantes non é frecuente nas mascaradas de osos e tampocuo o feito de que non sexa cazado senón que entre e salga da aldea como rei e que se lle considere protector da comunidade, con dereito a entrar en calquera casa ou propiedade. Porén, algunhas testemuñas afirman que antigamente os criados actuaban como domadores, obrigando o oso a paus a cumprir o seu cometido, o cal parece que cadra mellor co resto das mascaradas de osos do entroido galego, e tamén doutras moitas europeas, nas que é frecuente a escenificación da caza do oso, e en ocasións da súa morte.

   


  
  Tamén segue saíndo un Oso no entroido de Sande (Cartelle), que se enfronta coas Bonitas e con outras máscaras nunha loita a vergalladas, pantomima muda da caza do animal, o cal é encerrado nun cortello e liberado o martes de entroido. En Manzaneda recuperouse hai uns anos a máscara na parroquia de San Miguel de Bidueira, con careta de madeira e ramas de toxo colgadas do corpo para refregar os despistados picándoos coas espiñas do arbusto, mentres que o domador, que o leva atado cunha corda ou unha cadea, fai ademáns de tentar controlalo.

  Temos así mesmo noticias da existencia de outras máscaras de Oso, hoxe desaparecidas. Xa mencionei que ata 1914 se fixo en Betanzos unha pantomima na que un cíngaro se esforzaba en domar e facer bailar ante o publico a unha máscara de oso, pantomima que existiu antes en A Coruña e que temos documentada asemade en Padrón e Teo. Sabemos tamén que houbo osos nos entroidos de San Pedro de Moreiras (Toén), Vilariño de Conso, Cotobade (Tenorio e Almofrei), Parada de Sil, e Pedrafita (Chantada), e algúns como o de  Buxán (O Bolo), ou o de  Forxás das Viñas (A Merca) se recuperaron hai pouco pero sen continuidade.