Julio I. González Montañés

jgmontanes@gmail.com


Farsas do parto

  Foron moi frecuentes no entroido galego as representacións cómicas dun parto [Xestoso (Monfero), Pontedeume (Xogo do parto), Sande (Cartelle), Cotobade…], con abundante sangue e cun boneco, ave ou gato que acababa saíndo da barriga da preñada ou preñado, como sucedía na Farsa da muller embarazada de Cotobade ou na de Sande. Normalmente a pseudoparturiente laiábase, con grandes berros de dor finxido, dos homes, que no coñecen máis que o aspecto pracenteiro da procreación. Farsas semellantes están documentadas no carnaval de numerosos lugares de Europa, en non poucas ocasións sendo unha vella a protagonista do parto, e na Península temos un caso moi significativo na festa de inverno de La Vijanera de Silió (Cantabria), na cal La preñá é un varón que o 1 de xaneiro dá a luz un animal, que simboliza o nacemento do novo ano. Cabe pensar, por tanto, na existencia dunha relación con antigos rituais de fertilidade, e temos documentados en Galicia casos nos que era o Meco ou Entroido quen, rematado o carnaval, paría un boneco que se lle entregaba a un matrimonio infecundo, acompañando a entrega con cancións alusivas á parella estéril, como acontecía na parroquia ourensán de Untes. 

  Porén, hai que sinalar que nas cidades galegas se facían cousas semellantes, e en datas anteriores ás que temos documentadas no entroido rural. En Ferrol, por exemplo, saíron en 1883 polas rúas no martes de entroido: “dos mascaradas repugnantes, exhibiendo la una un muñeco en actitud indecorosa, y remedando la otra un parto, sin que los municipales les llamasen a mandamiento...”. O “muñeco en actitud indecorosa” era probablemente un Meco ou Entroido itifálico similar aos que aínda saen nalgunhas localidades ourensás como A Xironda (Cualedro) ou Xinzo de Teixugueiras (Cartelle).