Julio I. González Montañés

jgmontanes@gmail.com


Chichotes

  Noutros tempos existiron no entroido galego batallas con auga sucia que os contendentes —en xeral rapaces— guindaban con chichotes (tamén chamados cichas-oscichois, cichotes, cichóns, chirichóns, chicróns ou chicotes), xiringas artesanais de cana ou de sabugueiro que temos documentadas nos entroidos de Cotobade, Teixeira e Meiraos (Folgoso do Courel), Sabadelle (Pereiro de Aguiar), Maceda, Armariz (Nogueira de Ramuín), Vilachá (Pobra do Brollón), Loureses (Os Blancos) e noutras moitas localidades, incluíndo cidades como Pontevedra, Ourense e A Coruña, donde as menciona en 1823 o madrileño José María Segovia no seu Diario.

  Normalmente, as loitas facíanse no domingo corredoiro, tamén chamado domingo de chichotes ou de rapaces, e existiron noutras zonas de Europa e de América Latina (as xiringas denominábanse bisnagas en Portugal e no Brasil). Témolas ilustradas dende finais do século XV nas miniaturas dos Schembartbuche dos carnavais alemáns de Nuremberg, e abundan no século XIX en gravados que reproducen as festas dos entrudos portugueses e brasileiros. No Brasil as bisnagas foron extraordinariamente populares no século XIX nos carnavais de Rio de Janeiro, nos que se converteron en símbolo das festas, e as loitas con bisnagas foron reproducidas en numerosos gravados publicados na prensa da época (cf. Fotos).

  Unha máscara galega relacionada coas loitas de chichotes é O Mexón de Espasande de Baixo (Riotorto, Lugo), especie de xigante oco cunha persoa no interior que, na década de 1960, levaba una máquina de sulfatar chea de auga para mollar a xente que non ia disfrazada.

Loita con xiringas no entroido de Nuremberg (sec. XVII)
Revista Illustrada, Angelo Agostini, Rio de Janeiro, 1880 
A Paródia, Lisboa, nº 6 (21/02/1900), portada